A Comisión Xalgarete da Asociación Amencer de Ourense publica unha obra que retruca os argumentos que impiden normalizar a lingua nas actividades de lecer.
Para animar en galego, sen escusas nin atrancos é o título dun caderno publicado pola Comisión Xalgarete da Asociación Xuvenil Amencer de Ourense. O título está dirixido a monitoras e monitores de campamentos urbanos de lecer e contesta argumentos en contra da lingua, como "falo castelán por costume e comodidade", "rinse de min se falo en galego" ou "na normativa do galego hai continuos cambios".
O caderno xurdiu pola experiencia de Xalgarete, que observou que os animadores utilizaban maioritariamente o castelán nas actividades de lecer. Querían saber por que e, en segundo lugar, animar de xeito efectivo a que empregasen máis a lingua do país.
Preguntóuselles a arredor de cen persoas voluntarias dos centros xuvenís Don Bosco os motivos polos que non empregaban o galego e recompiláronse argumentos e motivacións que rebatan eses impedimentos. Como resultado dese labor, naceu Para animar en galego, sen escusas nin atrancos, unha ferramenta, dispoñíbel en liña, para animar en galego no tempo libre.
Na obra participan sinaturas como as de Roberto Catoira, Rubén Rivas, Rubén Aramburu, Xan Guillén, Séchu Sende, Henrique Monteagudo ou Xabier P. Docampo. Inclúe, ademais, referencias e recursos para afondar no tema da normalización da lingua na animación de lecer.