Os afiliados do partido que dirixe a nivel estatal Rosa Díez, designaron a Andrés Mosquera como coordinador da formación en Galiza.
Unión Progreso y Democracia (UPyD) ten dende este sábado unha nova dirección en Galiza. Os afiliados desta organización elixiron o vigués Andrés Mosquera Gómez como coordinador da formación. Canda el, na executiva galega deste partido estatal estarán Ánxeles Colmenero Ruíz (Organización); Xesús Iglesias Uz (Estudos e Programas); Laureano Bermejo Ansia (Expansión); Xavier Alvarellos Macías (Acción Institucional e Formación); Xosé Canedo Santos (Tesourería); e Carlos Parga Valeiro (Novas Tecnoloxías).
Nunha breve nota que lle fixo chegar aos medios de comunicación, UPyD sinala que obxectivo a curto prazo é consolidarse como “cuarto partido galego”. A formación que a nivel estatal dirixe Rosa Díez conseguiu nas últimas eleccións ao Parlamento de Galiza algo máis de 23.500 votos (1,46%) e quedou por diante de Terra Galega que obtivo 18.400 (1,14%)
Unha das maiores arelas da nova formación, aínda que semella que moi pouco probábel, é conseguir algunha representación municipal nas áreas urbanas, onde UPyD concentra o groso da afiliación.