A exposición "Memorias da cociña", que visitará outros puntos de Galiza e sairá tamén ao estranxeiro, permanece aberta até este domingo 21 de marzo.
Logo da prórroga que, á vista do éxito de público, os organizadores estabeleceron para a exposición "A pé do lar, memorias da cociña", a mostra pechará no Museo do Pobo Galego este domingo 21 de marzo. Foron máis de 10 mil persoas as que tiveron oportunidade de visitar a instalación, que rende homenaxe a dous mil anos de historia da gastronomía do país.
Imaxes, sons, cheiros e sabores a través dos séculos, debullando a evolución da gastronomía galega a través de paneis explicativos, son, vídeo ou a recreación dunha cociña tradicional. Un itinerario visual, temporal e cunha ollada etnográfica a través de exemplos actuais e pasados das cociñas e dos fogares de Galiza.
Alén do espazo expositivo no Museo do Pobo, a exposición tivo tamén orixinais eventos paralelos, como é o caso dos espectáculos nocturnos "As noites contadas", coa colaboración dos contadores Paula Carballeira, Quico Cadaval, Avelino González e Candido Pazó, que recrearon o ambiente e as temáticas das historias contadas ao redor do lume, nunha lareira recreada especificamente para a exposición. Tamén varios restaurantes de Compostela ofreceron durante este tempo pratos recuperados polo equipo de investigación da exposición. Ademais, os visitantes puideron levar para a casa, e canda un caderniño da mostra, unha escolma de receitas, con versión antiga e moderna da preparación de gorentosos pratos típicos do país.