Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
RESIDUOS

Nostián, a alternativa local a Sogama tamén ten fendas

Urbaser pídelle 58 millóns de euros ao Concello da Coruña por “sobrecustes” e afirma que a planta está en creba. Cales son as razóns?

Redacción - 12:41 18/03/2010

Os diferentes sistemas de tratamento de lixo seguen a ser un crebacabezas en Galiza. Logo da extraordinaria sucesión de escándalos en Sogama, a planta coruñesa de Nostián está tamén no punto de mira. A empresa concesionaria das instalacións, Albada (do grupo Urbaser), reclámalle ao Concello da Coruña máis de 58,1 millóns por “sobrecustes” que teñen que ver coa reforma das instalacións e coa necesidade de trasladar lixo a vertedoiros de Cerceda e Sobrado dos Monxes. A empresa asegura que se non se destina este diñeiro público pode ter que abandonar o servizo.

Mais cales son os problemas que lastran o principal modelo alternativo a Sogama? Os expertos teñen claro que plantas como as de Nostián son a solución ao problema dos residuos. O recinto coruñés, que entrou en funcionamento en 1999, apostou de cheo pola compostaxe mais non foi quen de conseguir un bo nivel de funcionamento.

As causas do fracaso de Nostián

A planta coruñesa trata os residuos dos municipios da Coruña, Arteixo, Culleredo, Oleiros, Betanzos, Cambre, Sada, Bergondo e Abegondo. En teoría, o recinto, onde traballan 150 persoas, fai fronte cada ano a algo más de 200 mil toneladas de lixo. Aínda así, ten unha gran cantidade de materia que non é quen de tratar e que envía a outros vertedoiros (o que incrementa o custe considerabelmente).

Dende Adega, Fins Eirexas, apunta factores determinantes que lastraron a Nostián: “Todos os modelos alternativos á incineración baseados na compostaxe requiren dunha maior implicación cidadán. A chave é unha boa separación en orixe”. Os ecoloxistas coinciden en que o modelo da compostaxe é válido mais é preciso un concienciamento social máis intenso. “Nostián fixo ao principio unha campaña entre a cidadanía e o compost producido era moi bo, logo abandonouse o traballo coa xente e os parámetros caeron estrepitosamente”, afirma Eirexas.

Outro dos problemas de plantas como a de Nostián é a dimensión do recinto. Para que a compostaxe sexa óptima é preciso instalacións de tamaño máis ben reducido onde non haxa demasiados problemas de tipo técnico. Este é o caso de Lousame, a planta do Barbanza, trata pouco máis de 35 mil toneladas anuais, e, agás nos meses de verán, cando se dispara o volume de residuos pola chegada de turistas, o funcionamento é moito menos problemático.

A solución: plantas comarcais

O movemento ecoloxista sempre se opuxo frontalmente ao modelo Sogama, baseado na incineración e na acumulación en macrovertedoiro. Porén, para os diferentes colectivos a solución idónea pasa pola creación de plantas de compostaxe de carácter comarca (cun mínimo de 16 espallladas por todo o país). Canda isto, subliñan que a estratexia na que sempre fallaron os poderes públicos é na da información á cidadanía que é a única que pode conseguir o obxectivo ideal: a reducción das máis de 1,2 millóns de toneladas que producimos en Galiza cada ano.


4,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: