O goberno deseña un plan que bota man da venda de amplas participacións públicas coa fin de ingresar 6 mil millóns cos que afrouxar o déficit público.
O goberno liderado polo primeiro ministro José Sócrates (PS) sacou á luz este martes os detalles do chamado Plan de Estabilidade e Crecemento (PEC), un proxecto co que deica 2013 o executivo portugués cavila afrouxar o déficit público do país. A previsión de ingresos do equipo de Sócrates móvese arredor dos 6 mil millóns de euros nese período.
O goberno portugués vaise desfacer, ben dunha parte nalgúns casos ou da totalidade das participacións noutros, de capital que mantén na petroleira Galp, a aeroliña TAP, a Rede Eléctrica Nacional, a eléctrica EDP, a banca BPN, a tecnolóxica EID, o holding Empordef ou a papeleira INAPA. A privatización abranguería ademais a Aeroportos de Portugal.
O executivo luso calcula que, a través deste plan, en 2013 poderá saír do límite de déficit do 3% fixado pola Unión Europea (actualmente o déficit sitúase no 9,3%). Os últimos orzamentos do executivo saíron adiante coa axuda da abstención da oposición da dereita portuguesa e o perfil privatizador do plan axudaría tamén agora a conseguir a beizón da maioría da Asemblea. Nas outras beiras da bancada parlamentaria, o Bloco da Esquerda lamentaba este martes o "entusiasmo" da dereita coas privatizacións proxectadas alén da redución de salarios e do subsidio de desemprego como medidas a maiores para enfrontar a crise.
Poden ampliar en: