Circo Expreso contará con axudas e apoio artístico para desenvolver o espectáculo de trapecio 'Losing Grip'.
Os integrantes de Circo Expreso, nunha actuación
Un proxecto galego forma parte dos 10 seleccionados polo programa Novos Talentos do Circo Europeo que apoia creacións desta disciplina artística. 'Losing Grip', da compañía compostelá Circo Expreso foi escollido de entre 33 finalistas de todo o continente. O dúo integrado por Raquel Veganzones e Girisho Gordon participou na mostra clasificatoria organizada polo Centro Dramático Galego a finais do mes de xaneiro.
O comité de selección valorara a orixinalidade da proposta, que consiste nun circo aéreo arredor dun trapecio de tres barras a modo de escada e dun arnés camuflado baixo a roupa que proporciona innovadoras formas de suxeición.
Veganzones e Gordon beneficiaranse dun plan de apoio artístico, técnico e económico para que poidan desenvolver un espectáculo a partir do seu proxecto. Así, gozarán de dous períodos de residencia artística nalgún dos centros adscritos. Ademais, terán garantida a súa promoción a nivel europeo mediante presentacións públicas en Copenhague, Estrasburgo, Bruxelas e París a partir de agosto.
O programa Novos Talentos do Circo Europeo conta cun financiamento de 200 mil euros para o bienio 2009-2010. Está encabezado polo centro francés Jeunes Talentes Cirque e máis outras 12 entidades divididas por áreas xeográficas: Illas Británicas, Escandinavia, Europa Central, Europa do Leste e Península Ibérica.
O Centro Dramático Galego organizará, do 17 ao 28 de xuño en Compostela, o Encontro Europeo de Novos Artistas. Nel participarán, prioritariamente, os finalistas do proceso de selección do programa. Consistirá en diversos obradoiros para profesionais e unha parte aberta ao público que se desenvolverá no Salón Teatro.
Raquel Veganzones, de Valladolid, e Girisho Gordon, británico, levan afincados varios anos en Santiago e forman parte do colectivo que adestra, crea e ensaia nas instalacións de Circonove, no Milladoiro.