SOS Courel e Adega denuncian os estragos producidos na vexetación autóctona co pretexto da súa rexeneración hidrolóxica e forestal.
Un tras doutro, o colectivo ecoloxista-cultural SOS Courel segue denunciando o que considera atentados sobre o seu patrimonio natural: a serra do Courel, un espazo protexido pola Rede Natura. Unha vez máis, as agresións veñen da man da propia Administración, ben da Xunta, ben do goberno español que, segundo explican, están a malgastar os fondos procedentes da Unión Europea en actuacións de dubidoso respecto ambiental.
A súa denuncia, que xa foi trasladada ao parlamento europeo polo representante de Esquerda Unida, Willi Meyer, refírese ás intervencións enmarcadas na “restauración hidrolóxica forestal”, para a que xa se dispuxeron duns tres millóns de euros dos fondos europeos. SOS Courel explica que estas intervencións, que están proxectadas para seren realizadas de xeito manual, están a ser acometidas con grande maquinaria. Este intento de aforrar man de obra e de multiplicar os beneficios económicos está a supoñer a destrución sistemática dos hábitats protexidos.
Destrución ambiental
Este luns Adega sumouse a estas denuncias e centrou a súa atención nos traballos de rexeneración forestal que está a executar a empresa Tragsa no monte das Lampas. Pide tamén ás autoridades competentes “que fagan cumprir a lexislación con respecto á protección dos hábitats” e chama a atención sobre as consecuencias destas actuacións. “Están destruíndo uceiras protexidas que son decapadas por buldóceres e en plena época de cría dos animais silvestres”. Así, lamentan que o obxectivo non sexa outro que “plantar milleiros de piñeiros e facer corta-lumes”.
Á situación do monte de Lampas súmase a de tantos outros espazos da serra. SOS Courel denunciou tamén actuacións como as plantacións ilegais de piñeiros en Louzara ou a destrución de hábitats en Ferreirós ou en Ferramulín, entre outros.