Rafael Cuíña considera que se debería aproveitar a experiencia dos ex presidentes para cuestións de interese xeral.
Para Rafael Cuíña Emilio Pérez Touriño ten xa un lugar destacado na historia de Galiza por ter sido presidente. O empresario lalinense considera que “como en tantas ocasións, unha vez deixada a poltrona determinados compañeiros non se portaron demasiado ben con el. Supoño que hoxe estará contenta a mesma persoa que lle pediu a acta de deputado cando perdeu as eleccións”.
Cuíña cre que o presidente mantivo unha marxe de autonomía fronte a Madrid e que iso acaboulle pasando máis dunha factura: “Caeu en desgraza porque mantivo determinadas diferenzas de criterio, como cando se negou a adiantar as eleccións tal e como lle ordenaban”.
Sobre o futuro do ex presidente, o opinador de Vieiros cre que “figuras como as dos ex presidentes son un capital de experiencia que debería ser aproveitado para o ben común. O nivel da clase política galega non está como para andar tirando figuras como as de Touriño”.