Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Zona con gran tradición ciclista

A Fundación Ciclismo Galego terá a súa sede no Porriño

Estará a pé do único velódromo do país. Construído en 1993 e case parado até hoxe, a Xunta promete remodelalo e darlle uso.

Redacción - 11:45 10/03/2010

En 1993 o Goberno daquela pilotado por Manuel Fraga inauguraba o velódromo do Porriño. Unha infraestrutura ben esperada nunha zona, a das comarcas de Vigo e do Condado, con gran tradición no deporte do pedal e berce dun feixe dos máis recoñecidos ciclistas galegos (Álvaro Pino, Óscar Pereiro, Marcos Serrano...) que durante anos vén sendo vizosa produtora de novos valores para a canteira do país.

Mais paradoxalmente, as instalacións nunca foron rematadas. Clubes da zona, como o local Spol Porriño, véñenas usando de igual modo para adestramentos, pero as deficitarias condicións da pista non permitiron durante este tempo que se puidesen celebrar competicións. Durante a visita desta semana do Secretario Xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete, o presidente do Club Ciclista Spol Caixanova, Horacio Barros, definiu a necesidade concreta de construción dunha pista de rodaxe de catro metros ao largo e tamén propuxo que se cubran as bancadas para frear os problemas de filtración que deterioran as instalacións.

O representante da Xunta expuxo a súa promesa de reactivar estas instalacións e aproveitar o crecente empuxe do ciclismo no país para converter esta localización en epicentro da actividade ciclista. De xeito concreto, a curto prazo a Fundación Ciclismo Galego pasaría a ter a súa sede en instalacións anexas ao velódromo. Recordámoslles que a Fundación fora impulsada en 2006 polo Goberno para a creación do equipo profesional ciclista galego e á vez para a realización de todo tipo de actividades de potenciación do ciclismo afeccionado en Galiza.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: