O ex xefe das Forzas Armadas, Romeo Vásquez, que encabezou o golpe de estado contra Manuel Zelaya, será o novo xerente da compañía pública Hondutel.
Romeo Vásquez
A xunta directiva de Hondutel, que preside o ministro de Finanzas, William Chong, resolveu nomear o RomeoVásquez, ex xefe das Forzas Armadas de Honduras, como xerente da estatal Empresa Hondureña de Telecomunicacións (Hondutel), malia estar directamente implicado no golpe de estado do pasado 28 de xuño contra Manuel Zelaya.
Cómpre lembrar que o Parlamento ditou unha amnistía por aqueles sucesos. O xeneral, de 53 anos, foi apartado das Forzas Armadas hai uns días polo presidente Porfirio Lobo -que tomou posesión do cargo a finais de xaneiro-, aínda que xa antes transcendera extraoficialmente que sería recolocado na telefónica, informan axencias internacionais.
El mesmo dixo que ten "a capacidade necesaria" para dirixir Hondutel porque "a administración" naceu "nas Forzas Armadas". "É un gran reto, mais estou afeito aos desafíos e agradézolle a Porfirio Lobo a confianza que deposita en min", engadiu o Romeo Vásquez.