Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A POLÉMICA ESTÁ NA REDE

O conselleiro que se perdeu en 'Desván de los monjes'

Un vídeo proba que Roberto Varela mentiu no Parlamento cando negou que tivese utilizado de xeito disparatado topónimos galegos nun acto oficial. Ofrecémoslle as imaxes coas dúas intervencións (ver interior da noticia).

R.V. - 19:00 08/03/2010

“Deixen de buscar no lixo de internet e dedíquenlle máis tempo a traballar polo país”. O conselleiro sacaba o trabuco no Parlamento hai dúas semanas para contestarlle a unha oposición que o criticaba abertamente por terse referido a Sobrado dos Monxes e a Touro como “Desván de los Monjes” e “Toro” nun acto oficial en Madrid o pasado mes de xaneiro. Roberto Varela dirixiuse ás bancadas nacionalistas e disparou unha segunda bala: “Hai que ser estúpido para pensar que eu vou dicir Desván de los Monjes(...)deixen de andar no lixo dos portais de internet que non din máis que mentiras”.

Pois os usuarios dese mesmo trebello que o conselleiro considera case diabólico son os que o veñen de deixar espido de argumentos. Os internautas localizaron a proba do delito na propia casa de Varela. A páxina galiciavesientela, encargada pola Consellaría de Cultura e Turismo, foi a fiestra indiscreta pola que se puido acceder ao vídeo onde aparecen os disparatados topónimos.

Até que agora apareceu a proba concluínte, dende o Goberno acusaron por activa e por pasiva de mentiráns aos que aseguraban que o conselleiro tiña inventado novas localidades nun acto en Fitur. Porén, na rede os blogs (Transfegando ronseis ou o do alcalde de Fene, Iván Puentes) daban fe do que para outros era unha simple lenda negra, unha especie de conspiración dos cibernautas desafectos ao novo executivo. Un grupo de irreductibles crearon no Facebook o grupo Eu non sei onde queda o "concejo" de El Desvan de los Monjes. A aquel reclamo acudiron centos de usuarios da rede social que si crían que o conselleiro fora quen de crear novos topónimos.

Reaccións da oposición

Este mesmo luns chegaron as reaccións dende a oposición política. O BNG pide unha rectificación pública. Para os nacionalistas se grave foi comprobar que o conselleiro deturpara os topónimos oficias, peor é o feito de constatar que Varela mentiu e insultou deliberadamente no Parlamento. As deputadas Carme Adán e Ana Pontón coincidiron en sinalar en que o presidente Feijoo ten que reflexionar sobre unha consellaría que “só fai avergoñarnos como galegas”.

Dende o PSdeG, a deputada María Quintás sinaláballe a Vieiros que o acontecido constata unha vez máis o “labor ineficaz” do conselleiro. “Podería considerarse unha simple anécdota pero non o é. Hai un desprezo absoluto cara todo o galego, xa o demostrou cando falou do acomplexamento da nosa cultura”. Quintás tamén censura a intervención de Varela no Parlamento: “Pode equivocarse pero non pode mentir así na Cámara”. Para esta deputada o problema non é o perigo dos tradutores automáticos: “o sucedido da fe de que por un lado os asesores non se preocupan de revisar os papeis e que ao conselleiro tanto lle ten o que le”.


4,81/5 (43 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Declaracións nas que Varela di "Desván de los Monjes" e imaxes nas que nega telo dito