Até 21 creadoras galegas, escritoras e ilustradoras, participan nun libro cuxos beneficios irán para o labor da delegación luguesa do colectivo a prol dos dereitos humanos.
A violencia sexual, o maltrato de xénero, os abusos sexuais nos conflitos armados ou a violación como arma de guerra, son algunhas das temáticas que abordan os relatos de Camiñan descalzas polas rochas. Participan neste libro as escritoras Ana Romaní, Rosa Aneiros, Paula Carballeira, Anxos Sumai, Carmen Blanco, Marilar Aleixandre, María Reimóndez, Helena Villar Janeiro, Ana Expósito, Marica Campo e Yolanda Castaño e as ilustradoras Nuria Díaz, Noemí López, Almudena Aparicio, Ánxeles Rodríguez Ferrer, Marina Seoane, María Lires, Car (Carmela González), Ana Pillado, Aurora López e Rebeca López.
Coa iniciativa, Amnistía Internacional quere chamar a atención sobre a universalidade dos abusos dos dereitos humanos das mulleres, cuxa raíz é a discriminación, e á vez, quere destacar tamén o papel activo destas como axentes de cambio e defensoras de dereitos. De paso, a obra quere exemplificar a capacidade das mulleres de organizárense en todo o mundo para botar luz sobre a situación, combater a violencia de xénero e pular polo cambio de leis, políticas e costumes.
Os beneficios que se obteñan coa venda do libro, e ditado por Tris Tram e presentado este venres en Lugo, destinaranse integramente ao traballo que o grupo local de Amnistía Internacional realiza a prol dos dereitos humanos.