Cunha tramitación máis que irregular, de nada valeu que a zona estea catalogada como "de reserva" no Plano de Ordeación dos Recursos Naturais e no actual borrador do Plano Reitor de Uso e Xestión do espazo e que así só estea destinada á conservación e á investigación. Tampouco serviu de nada que na zona aparezan dous hábitats de interese comunitario (Dunas blancas e Dunas grises), que aí se asente a única poboación galega de herba namoreira das dunas (Armeria pungens) ou unha das escasas poboacións de camariña (Corema album), amais dunha especie catalogada como "en perigo de extinción" no Catálogo Galego de Especies Ameazadas: o escáncer de patas ibérico (Chalcides bedriagai). Eso non foi freo para que se tentase levantar nese lugar protexido unha pasarela coa axuda de maquinaria pesada.
Ademais, as obras de construcción desta pasarela tamén foron denunciadas pola vía administrativa ante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza pertencente á Consellaría de Medio Rural, enviando copia tamén ó Conselleiro do Medio Rural e ante o Organismo Autónomo Parques Nacionales (pertencente ó Ministerio de Medio Ambiente, y Medio Rural y Marino), enviando copia tamén á Ministra de Medio Ambiente, y Medio Rural y Marino.
Nas cinco denuncias apresentadas, Verdegaia solicitou que se paralicen cautelarmente as obras de construcción da citada pasarela, que se restitúa a situación anterior ó comezo das obras, que se avalíen correctamente os impactos ambientais e alternativas do proxecto constructivo en execución, incluíndo a pertinente participación social e científica, e que se substitúa o actual acceso ó interior da illa que atravesa as dunas. Por isto, esa pasarela debería ser levantada pola praia de Rodas, en vez de metela polo medio das dunas, e deste xeito se preservaría ese valioso ecosistema dunar.
Por outra banda, dentro das nosas demandas tamén está a aprobación do Plano Reitor de Uso e Xestión (P.R.U.X.), que é o documento que planifica a xestión que se ten que levar a cabo no espazo protexido e que xa tiña que estar aprobado en 2003, tal e como recolle a propia Lei de declaración do Parque. Aínda que nos últimos meses se deron pequenos pasos para que este documento vexa a luz, o enorme retraso na súa aprobación e a acometida de obras infraestruturais sen que exista un documento que as planifique globalmente, fan que ás veces se leven a cabo actuacións que están moi lonxe dos fins para os que se declarou este Parque Nacional.
Outra das nosas peticións ten que ver co desleixo que amosa a dirección do espazo natural á hora de pór en marcha o Plano de Erradicación de Especies Exóticas do espazo natural. Despois de participarmos nunha xuntanza co Parque en 2007 para ver de polo en marcha e de que o director-conservador se comprometera a que as actuacións se comezasen a levar a cabo dende ese momento, atendemos atónitos a ver como non se está a levar a cabo ningún tipo de actuación, agás mínimas accións.
A mala xestión que se leva a cabo coas especies ameazadas ou con poboacións reducidas é outra das nosas denuncias. No espazo natural existen gravísimos exemplos coma o da herba da agulla (Erodium maritimum) que case se extingue en 2006, a pardela cincenta (Calonectris diomedea) que rexistra unha elevada mortandande de pitos pola depredación do visón americano (Neovison vison), ou o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) que xa dende hai anos está a ver reducidas as súas poboacións sen que se levara a cabo case que ningunha acción para reverter esta situación.
O deficitario saneamento ou as obras que desfixeron parte da arquitectura tradicional de Ons, o excesivo número de visitantes do Parque, a ampliación do peirao de Rodas nas illas Cíes sen ter definido previamente un cupo de visitantes nun P.R.U.X., ou a construcción dunha pasarela que atravesa as dunas de Punta Muxieiro cun elevadísimo impacto ambiental son outras das pésimas accións que denunciamos.
Por todos estos motivos Verdegaia solicitou formalmente a destitución do equipo director-conservador á Dirección Xeral da Natureza da Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia, ó tempo que enviaba propostas encamiñadas á mellora na xestión. Ademáis, apresentou denuncias polas vías administrativa e penal e enviou diferentes comunicados de prensa denunciando publicamente todas estas situacións, ó noso ver, lamentables.