Telephones Rouges, Anenome e The presentan os seus novos traballos na terceira festa de Galician Bizarre, corrente alternativa ao 'alternativo' nada en 2007.
Cartel do concerto
Este xoves, o movemento Galician Bizarre celebra a súa terceira festa. Os grupos Telephones Rouges, Anenome e The darán un concerto na sala Capitol, en Compostela, dándolle continuidade a unha tendencia nada en 2007 para "explorar novas vías de expresión musical" alén do xa saturado panorama 'alternativo'.
O 'bizarrismo' galego caracterízase pola actitude punk, o gusto polo subterráneo e a defensa da creación musical independente dende o rural. As tres bandas que actuarán a partir das nove da noite cumpren con todos estes requisitos. Así, Telephones Rouges procede do Grove e mestura o kraut-rock e o noise-pop. Anenome, con base en Vigo, une o rock e a psicodelia dos 60 con sons máis contemporáneos, mentres que The, de Muros, defínese como ultranoise/lo-fi.
O movemento tivo a súa primeira aparición pública no primeiro festival Galician Bizarre, que tivo lugar na praia carballesa de Razo no verán de 2008, e que tivo a súa continuidade ao ano seguinte na sala Moon de Compostela. Os tres grupos que actúan este xoves teñen en común o gusto polas "sonoridades ruidosas", o punk como fondo e que están a piques de lanzar os seus novos traballos discográficos.