O texto de Alberto Pena Rodríguez publicouse no Diario de Pontevedra. Caixanova concedeulle o premio en castelán a Ángela Vallvey.
O xurado deu a coñecer os gañadores en Pontevedra
O xurado dos Premios de Xornalismo Caixanova deu a coñecer este martes os gañadores da XXXI edición do premio Xulio Camba e da VII do premio Francisco Fernández Del Riego. Nun acto que se deu a coñecer na cidade de Pontevedra, desvelouse que Alberto Pena Rodríguez foi agraciado coa distinción ao mellor artigo en galego, mentres que Ángela Vallvey Arévalo recibirá o galardón en castelán.
'Cousas da lingua' é o título do texto escrito por Pena Rodríguez, e publicado no Diario de Pontevedra do 29 de decembro de 2009, que recibirá o Francisco Fernández del Riego, dotado con 12 mil euros. O outro artigo premiado, co Xulio Camba, foi 'La soledad', que se imprimiu na edición do 26 de novembro de 2009 do xornal madrileño La Razón.
O xurado estivo integrado polo presidente de Caixanova, Xulio Fernández Gayoso; polo escritor Alfredo Conde, que presidiu o tribunal, e mais por Víctor Fernández Freixanes, Manuel Fernández Areal e Carlos Valle Pérez.
Á selección final desta convocatoria chegaron 55 traballos, 39 en castelán e 16 en galego. Oito deles recibíronse por unha nova modalidade introducida este ano, que permitiu que institucións públicas ou privadas presentasen as súas propostas e candidaturas, ademais dos propios autores.