Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Feijoo celebra no Vaticano a súa vitoria electoral

"Non hai mellor xeito de celebralo que poñendo Galiza a disposición de Súa Santidade"

Cando se cumpre un ano de Goberno, o PPdeG asegura que “non se puido facer máis en menos tempo”. A oposición cualifica este período como “un ano perdido”.

Redacción - 11:00 01/03/2010

Cualificou o presidente da Xunta de "dobre honra" o feito da coincidencia da súa visita ao Pontífice co aniversario da vitoria electoral do seu partido. "É unha honra, seguro inmerecida, e o azar quixo que non haxa mellor xeito de celebrar o primeiro ano dun goberno que poñendo a Galiza a disposición da Súa Santidade", afirmou o mandatario galego logo de confesar sentir unha "emoción especial" ao entregarlle ao Papa unha réplica en miniatura do botafumeiro da Catedral de Santiago e un exemplar do Códice Calixtino en galego. Por certo, ao interesarse Bieito XVI polo idioma no que estaba escrito, explicou Alberto Núñez Feijoo que se trata "dun dos idiomas de España e o idioma propio de Galiza".



Ao respecto da súa visita este luns ao Vaticano, dixo despois Núñez Feijoo que se trata de "algo que non esquecerei nunca, como nunca esquecerei a maioría absoluta do 1 de marzo de 2009 e que, un ano máis tarde, o 1 de marzo de 2010, o Santo Pai nos teña recibido e lle poidamos falar de Galiza e facerlle entrega dun marabilloso libro escrito en galego e unha miniatura do botafumeiro da Catedral de Santiago". De paso, Feijoo dixo ser optimista ao respecto dunha próxima visita de Bieito XVI a Galiza, unha posibilidade sobre a que chamou a "esperar acontecementos". "Esas noticias correspóndelle ao propio Papa e aos seus colaboradores inmediatos confirmala", indicou, esperando que se non é en 2010 poida ser en 2011 logo do Ano Santo.



11 horas: Feijoo celebra no Vaticano a súa vitoria electoral


Cando se cumpre un ano exacto da vitoria electoral do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo acode ao epicentro do catolicismo para ser recibido polo Papa Benedito XVI. No Vaticano celebrará este aniversario do triunfo sobre o bipartito no que será ademais o seu primeiro encontro oficial cun xefe de estado estranxeiro. Segundo o Goberno, Feijoo aproveitará a cita para “trasladarlle a importancia que ten para Galiza o Xacobeo 2010” e resaltar o seu papel “como capital espiritual da unidade europea”.

A celebración oficial do Partido Popular tivo que ser, malia todo, aprazada na pasada fin de semana por mor do temporal. Con todo, Feijoo aproveitou para facer balance do seu primeiro ano asegurando que “non se puido facer máis en menos tempo”, algo que, na súa opinión, “confirma que os galegos non se equivocaron na súa elección”. Así, destacou a posta en marcha do programa de austeridade, que “supuxo un aforro de 144 millóns de euros”; a mellora da sanidade, coa “redución das listas de espera ou as axudas á dependencia”; ou a “potenciación dos sectores estratéxicos como o pesqueiro, o eólico ou o lácteo”.

Para a oposición, “un ano perdido”
Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, asegurou que “os galegos non poden celebrar nada con este Goberno” e resumiu o seu balance como “unha desfeita de país”. Criticou a política sanitaria, “con 240 mil persoas en listas de espera”; desprezou a súa “nefasta política” no referente ás caixas de aforro; acusou a Feijoo de ser o “culpábel de que Galiza non conte aínda cun Estatuto”; e lamentou a súa política lingüística.

Mentres, dende o BNG, Guilllerme Vázquez cualificou este ano de Goberno popular como “un ano perdido”. Lamentou que neste tempo “a súa principal política” fose o “ataque á lingua galega e desfacer o feito polo Goberno anterior”; criticou a súa “falta de medidas contra a crise económica” e asegurou que “non fixo nada que mellorase en algo a vida dos galegos”.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: