O parlamentario Xosé Manuel Lage acusou a Xunta de "dobre moral" e de abusar dos procedementos sen publicidade para ocultar "prácticas tenebrosas".
O voceiro da área institucional do grupo parlamentario do PSdeG, Xosé Manuel Lage, denunciou no pleno da Cámara que o 60% das consellarías non publican os seus convenios na web da Xunta. Segundo Lage Tuñas, "existe unha absoluta falta de transparencia", e o Goberno "abusa dos procedementos negociados sen publicidade para ocultar prácticas tenebrosas".
Algúns dos departamentos do Goberno que si publican e permiten buscar os convenios asinados son a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
Lage Tuñas interpelou ao conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, sobre a falta de austeridade e de transparencia do Goberno. Mesmo cualificou que o conselleiro cada vez se parece máis á irlandesa Iris Robinson pola súa dobre moral, referíndose aos "240 cabalos de potencia e a tapicería de coiro dos coches de alta gama que comprou Sogama" e aos máis de seis millóns gastados en 348 vehículos en menos de nove meses.