Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cita de Núñez Feijoo en Allariz

Escola de Formación: o PP non se entrega "á minoría da lingua"

No inicio da carreira de precampaña do partido, Alberto Núñez Feijoo di que o PPdeG loitará a nivel local contra a "imposición" lingüística.

Redacción - 10:00 21/02/2010

Ás portas do 1 de marzo de 2010, o PPdeG viña de lembrar estes días que a súa teima coa mudanza nas políticas de normalización lingüística é un dos traballos dos que o partido se sente orgulloso neste primeiro ano de traxectoria no poder. Así o subliñan no documento que está a difundirse entre a militancia, na conmemoración do que definen de triunfo dos "heroes do cambio" capitaneados polo agora presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo.

Baixo o epígrafe "Un galego de todos", aseguran neste documento que "o idioma propio de Galicia deixou de ser un problema coa entrada dos populares ao poder". Ao fío, destacan a "consulta aos pais" como a "devolución dun protagonismo na educación a quen non o debeu perder nunca", salientan o borrador de decreto que en poucos días terá texto definitivo e destacan a idea de "bilingüismo" asegurando que en Galiza "volveu o consenso" e "rematouse a imposición dunha lingua sobre outra".

E xustamente esa idea de presunta "imposición" foi unha das elixidas polo líder do PpdeG, Alberto Núñez Feijoo, este sábado en Allariz, na Escola de Formación organizada polo partido para cargos municipais de todo o país. Un escenario co que o PP quenta motores para a cita municipal de 2011 na que se prevé unha longa precampaña e no que Núñez Feijoo prognosticou o conflito sobre a lingua como un dos eixos de enfrontamento político tamén a nivel local. Dixo Feijoo que, "fronte aos que intentan impoñer a súa idea de país" o seu é o partido que defende "o interese xeral". "O contrario é entrarse ás minorías", censurou, zoupando sobre o que definiu como minorías "da lingua" e minorías "internas" da propia organización, en alusión tamén ao debate sobre as caixas.

Superar "sentimentos de apropiación local"
"Non podemos renunciar nin dilatar a posta en marcha de proxectos globais, porque é o contrario do impulso vertebrador que debemos dar a Galiza", indicou na súa intervención Alberto Núñez Feijoo. "Nós estamos cada vez máis perto dos cidadáns, e outros cada vez máis lonxe", afirmou, defendendo que o seu partido está "a pé de rúa", actividade que, dixo, "non é só protestar e manifestarse", senón tamén "falar coa xente e ver que os galegos conviven e falan en dúas linguas".

O presidente do PPdeG considerou que todo político asume voluntariamente o compromiso de servir á sociedade, polo que o mellor método para defender o interese colectivo é "a proximidade aos cidadáns". Nesa liña, cualificou os galegos como "a mellor escola política" e propuxo impulsar políticas "que poidan favorecer un país no que vivimos e non obrigar os cidadáns a vivir nun país que está nun ideario político, e non na rúa".


1,17/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: