Un instituto de Filadelfia abriulle un expediente a un alumno baseándose nunha fotografía tomada dende o seu computador, supostamente activada sen o seu consentimento.
Un instituto estadounidense podería estar a espiar o seu estudantado a través das cámaras web dos seus computadores portátiles. Os feitos descubríronse a raíz dun expediente disciplinario que se lle abriu a un alumno por "conduta impropia no seu fogar", xustificado cunha fotografía tomada dende a cámara web do rapaz.
A escola, situada nun barrio da cidade de Filadelfia, empregaba os portátiles fornecidos aos alumnos para espialos sen o seu coñecemento, mesmo fóra do horario lectivo. Os pais do alumno, Blake J. Robbins, demandaron o distrito educativo de Lower Merion por entremeterse na intimidade do menor.
Supostamente, a vicedirectora do centro, Lindy Matsko, confirmoulle ao pai do estudante que a escola ten a capacidade de activar a distancia a cámara "en calquera momento para ver e capturar as imaxes que se atopen diante da webcam". A demanda contra o colexio acúsao de varios delitos, como interceptación de comunicacións electrónicas, roubo da propiedade intelectual e violación dos dereitos civís, entre outros.