"Nós, as forzas de seguridade e de defensa, decidimos asumir a responsabilidade e pór fin a esta tensa situación política da que xa erades conscientes".
Os líderes golpistas que derrocaron esta quinta feira o presidente do Níxer, Mamadou Tandja, anunciaron a suspensión da Constitución e a disolución de todas as institucións. O coronel Goukoye Abdul Karimou, portavoz da xunta militar Consello Supremo para a Restauración da Democracia (CSRD, nas súas siglas en francés), anunciouno pola televisión estatal.
"Nós, as forzas de seguridade e de defensa, decidimos asumir a responsabilidade e pór fin a esta tensa situación política da que xa erades conscientes". O comunicado non fixo mención ningunha á situación de Tandja, detido logo de horas de tiroteos.
O país africano leva meses de tensións despois de que o mandatario modificase a Constitución para estender o seu mandato, nun movemento que espertou críticas e xerou unha cadea de sancións a nivel internacional.
Toque de queda
Fontes militares sinalaron que Tandja estaba esta quinta feira pola noite retido xunto a varios dos seus ministros. A autoinstituída Xunta Militar, liderada polo coronel Adamou Harouna, asumiu o poder e, como primeiras decisións, pechou as fronteiras e impuxo o toque de queda durante as horas sen luz.
Os mandos militares non anunciaron canto tempo teñen pensado permanecer no poder, mais instaron os nixerinos e a comunidade internacional a apoiaren as súas accións. Polo momento, a Comunidade Económica de Estados de África Occidental (CEEAO) xa advertiu que castigaría calquera goberno inconstitucional.