O servizo, que estará operativo o 26 de febreiro, pretende aumentar a porcentaxe de persoas usuarias da modalidade, actualmente do 8,3% do total da poboación.
A Xunta prevé ter operativo o 26 de febreiro o novo rexistro electrónico de facturas, que pretende garantir o pago das facturas por parte do Goberno en 45 días, 15 menos do máximo legal. O anuncio, efectuado pola conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, supón "mellorar as canles de contratación entre a administración e as empresas".
Galiza ten unha posición intermedia no que se refire ao uso da administración electrónica. Malia que os datos publicados polo Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI) sobre o uso da rede nas relacións coa Administración aparentan ser espectaculares, en comparación cos do resto da Unión Europea, hai que ter en conta que só miden a porcentaxe de usuarios dese servizo dentro das persoas que accederon á internet nos últimos tres meses.
Así, os datos correspondentes a 2009 amosan que o 15% da cidadanía usou a e-administración para enviar formularios cubertos a través da internet, o que ascende a un 28,8 no caso da descarga de formularios oficiais e a un 53,3 se se ten en conta a xente que consultou información en webs oficiais.
Segundo os datos do Eurostat publicados polo ONTSI, a nivel do Estado Español as porcentaxes de uso dos tres niveis de administración electrónica analizados foron do 8,5, 15,7 e 28,6%, respectivamente. As media dos 27 estados membros foron o 11,6, 16,2 e 26,3%.
Se tomamos os datos galegos e os extrapolamos ao conxunto da poboación, sen ter en conta se fixeron uso da internet no último trimestre, deberemos usar os datos de 2008, que amosaban un 55,3% de internautas activos. Nese caso, as porcentaxes de persoas que empregaron a administración electrónica descende a 8,3, 15,4 e 29,5%, niveis comparábeis aos estatais pero lonxe dos dos estados máis avanzados da UE.
Está por ver se o novo servizo de facturación electrónica da Xunta logrará que ese 8,3% de persoas do país que envían formularios por internet aumenta, grazas ao compromiso de aboar as facturas en 45 días.