O PPdeG conmemorará o próximo día 28 a vitoria nas eleccións ao Parlamento do pasado 1 de marzo, con Alberto Núñez Feijoo como protagonista absoluto.
"Todos nos daban por perdedores"
O PPdeG prepara un "grande acto" de partido para conmemorar a súa vitoria nas eleccións autonómicas do pasado 1 de marzo, que abriu ao seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijoo, as portas da Xunta.
O evento, que se desenvolverá na capital do país o 28 de febreiro, ten vocación de "homenaxear a partes iguais os heroes do cambio e o último dos militantes do PPdeG que fixeron posible esta fazaña".
"Queremos conmemorar unha noite electoral en que todos nos daban por perdedores e gañamos", proclamou o voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, nunha conferencia de prensa organizada na sede rexional do partido, onde avogou por demostrar "en clave externa" que o PPdeG "está moi vivo" un ano despois de chegar á Xunta.
Rodríguez Miranda subliñou que a presenza do líder do PP a nivel estatal, Mariano Rajoy, non está confirmada, mais engadiu que "non se pode desbotar" xa que o partido traballa agora no encaixe de axendas para poder contar con dirixentes populares nun evento "de carácter autonómico" que terá a Núñez Feijoo como protagonista.
De feito, terá lugar no Pazo de Congresos e Exposicións de Galiza, o mesmo escenario que acolleu a súa investidura como candidato do PP á Xunta, e onde os conservadores aspiran a trasladar unha mensaxe coa vista posta nos comicios locais de 2011: "Galiza precisaba do PP e máis PP nos concellos será positivo para os cidadáns".
Porén, o PPdeG dará o "pistoletazo de saída" cara ás eleccións municipais xa este sábado cunha xornada de formación "en clave interna" para alcaldes e voceiros das catro provincias, que terá lugar en Allariz.
"Segunda fase do 'non' ao bipartito"
Rodríguez Miranda (que tamén se pronunciou sobre o tema das dietas irregulares) admitiu que o PPdeG "intensifica" o ritmo de traballo co fin de preparar o "exame" das municipais e mostrouse convencido de que a próxima cita coas urnas será "a segunda fase do non ao bipartito que os galegos dixeron o 1-M".
Incidiu en que o partido traballará para ir perfilando todos os aspectos dunha campaña "clave" para a formación xa que pode supoñer a "culminación dun cambio". A estratexia será, dixo, facer unha campaña pegados "á rúa" e "tomar o pulso" á sociedade galega.