O actor lugués, que fixo boa parte do agradecemento en galego, conságrase como un dos mellores do cine estatal.
O seu papel de ‘Malamadre' fora xa aclamado pola crítica e o público. Este domingo, a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas acabou de referendalo. Luís Tosar gaña así o seu terceiro Goya, logo de facelo en 2002 con ‘Los lunes al sol', en 2003 con ‘Te doy mis ojos' e agora grazas á súa interpretación no film ‘Celda 211'.
O actor lugués non dubidou en facer boa parte do seu agradecemento en galego para dedicarlle o premio á súa familia e "aos amigos que estarán a celebralo no Atlántico e no Matadeiro" (en referencia a dous coñecidos locais de copas de Compostela). Entre o numeroso público que acudiu á gala celebrada en Madrid atopábase o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e o conselleiro de Cultura, Roberto Varela.
A película 'Celda 211' foi a gran gañadora da noite, con oito galardóns en diferentes categorías.
Premios principais:
-Mellor película: ‘Celda 211'
-Mellor director: Daniel Monzón (por ‘Celda 211')
-Actor protagonista: Luís Tosar (‘Celda 211')
-Actriz protagonista: Lola Dueñas (‘Yo también')
-Actor de reparto: Raúl Arévalo (‘Gordos')
-Actriz de reparto: Marta Etura (‘Celda 211')
-Actor revelación: Alberto Ammann (‘Celda 211')
-Actriz revelación: Soledad Villamil (‘El secreto de sus ojos')