Lukas Santiago presenta o seu último documental no que recolle o testemuño da memoria viva da cultura mariñeira da nosa costa.
Será o próximo sábado 20 de febreiro no Teatro Principal en Pontevedra. Lukas Santiago (Os Praceres, 1973) estreará o seu último documental, logo doutras incursións fílmicas como “O Neixón, historia viva dun castro” ou “Lourizán, terra mártir”. O historiador e director pontevedrés presenta agora “Galeg@s Universais. Historias do Mar”, unha obra na que ofrece o testemuño da nosa memoria mariñeira.
O filme vertébrase a partir de tres entrevistas nas que mariñeiros e mariscadoras cobran todo o protagonismo. Así, Xosé Santiago Pazos fala do seu traballo como mariscador na Ría de Pontevedra; Manuel López Souto explica as súas experiencias logo de navegar polos cinco continentes; e María Mirande e María das Nieves explican o que foi toda unha vida de traballo na Ría de Arousa.
O director explica a escolla do título do documento: “Galeg@s, porque son persoas nas que desborda a sabiduría popular, que representan o espírito do pobo galego, a fala, a retranca, as lendas; porque son portadores da cultura tradicional galega, rural e mariñeira, últimas testemuñas dese mundo que xa non volverá; Universais, porque son persoas anónimas, que non soen ter a palabra, pero que teñen moito que contar; Universais, porque coñeceron unha época de pobreza, de carencias, na que seguen a vivir no presente a maioría dos seres humanos do mundo. E Historias do mar porque son persoas do mar, desa cultura mariñeira que moldeou a alma das xentes da nosa costa durante séculos”.
O acto de presentación está organizado pola Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) e o Concello de Pontevedra e pretende ser “unha homenaxe ás xentes do mar e a todas as persoas maiores, un Patrimonio da Humanidade non suficientemente valorado”.