Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Milleiros de traballadores regresan á casa

China: Ano do tigre, mais sen tigres

Este domingo comeza un novo ano no calendario chinés, marcado espiritualmente por esta especie. A WWF calcula que podería estar extinta na altura de 2022.

Redacción - 10:00 14/02/2010
O tigre poderíase extinguir para 2022

O tigre poderíase extinguir para 2022

Até o 2 de febreiro de 2011 prevalecerá a fortaleza do tigre. Polo menos é o que cren desde hai milleiros de anos na China, que este domingo celebran a entrada nun ano novo, marcado espiritualmente nos vindeiros meses por esta especie.

Podería ser un dos últimos da historia que conte coa presenza física do felino sobre o Planeta. Porque, paradoxalmente, podería extinguirse en pouco máis dunha década, segundo apuntan desde a World Wildlife Fund (WWF). Outras organizacións outórganlle algúns anos máis de vida, mais a a constatación da ameaza é coincidente.

O tigre agoniza en toda a rexión: dos 3.200 que sobreviven en hábitats naturais da India, Rusia e China, esta última acolle só medio cento, e só no nordés -con 20 exemplares do tigre de Amur- hai posibilidades de que perdure pola súa proximidade á reserva rusa.

As cifras que manexa a WWF son alarmantes de ter en conta que na década de 1980 eran 20 mil, e uns 100 mil hai un século. Ademais, os seis mil exemplares que China mantén en catividade viven en condicións deplorábeis e son incapaces de se readaptaren á vida salvaxe.


'Migración' masiva
Paralelamente, centos de miles de traballadores foron chegando estes días ás súas casas chegados das grandes cidades do país para a festividade, a máis importante do ano. Arredor de 200 millóns de persoas ateigaron pola semana aeroportos e estacións de tren e de autobuses.

O Aninovo, tamén coñecido como Festa de Primavera, celébrase normalmente na segunda lúa nova após o solsticio de inverno.

Ourense adianta a celebración ao sábado
Na Galiza, a Asociación para a Promoción da Cultura Chinesa en Ourense 'Yin Yang' convidou tódolos ourensáns á celebración da III Festa do Aninovo Chinés, con actividades que se desenvolverán o sábado.

En realidade, o ano do Tigre comeza o domingo ás 17.00 horas (0.00 horas en Beijing) mais ao coincidir o día e a hora co Domingo de Entroido e co Desfile de Carnaval, desde a asociación decidiron adiantar a celebración para facilitar a participación das familias nos festexos.

Estaba prevista para o sábado, a partir das 16.00 horas na Praza Bispo Cesáreo (diante da entrada ao Liceo) unha exhibición de wushu (arte marcial chinesa). Tamén que os cativos cantasen cancións, recitasen poemas e 'bailasen' un dragón "para escorrentar os malos espíritos".

"Segundo os astrólogos chineses o ano 4708 será propicio para viaxar e aos bebés que nazan neste ano agárdalles unha vida de éxito, felicidade e fortuna aínda que serán moi vulnerábeis e sensíbeis", apuntan desde a asociación 'Ying Yang'.


3/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: