Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PARLAMENTO

O Consorcio de Igualdade e Benestar volve a protagonizar o debate político sobre servizos sociais

O BNG acusa ao Goberno de traballar na privatización e o PPdeG retruca afirmando que os nacionalistas practicaron “política ficción”.

Redacción - 18:35 10/02/2010

Dende a chegada do PPdeG ao Goberno, o Consorcio de Igualdade e Benestar creado na lexislatura do bipartito centra o debate político sobre os servizos sociais. Unha vez máis, os tres partidos con presenza parlamentaria discutiron o presente e futuro do ente público.

O BNG acusou ao executivo de recorrer a argucias legais para camiñar na privatización do consorcio. Así, o deputado Carlos Aymerich solicitou que os orzamentos deste organismo inclúan partidas económicas para a construción de novas infraestruturas e que se ateña aos procedementos públicos á hora de contratar o persoal. O PSdeG tamén foi crítico coa actitude da Consellaría de Traballo e Benestar, mais fixo fincapé no incumprimento de Feijoo, que tiña prometido na súa campaña electoral a disolución do organismo público.

A deputada conservadora Marta Rodríguez Arias aproveitou a ocasión para acusar ao BNG de ter practicado “política ficción” no Parlamento ao ter prometido “116 novas infraestruturas en 70 municipios diferentes”. Á vez acusou aos socialistas de “mirar para outro lado” mentres o Bloque xestionaba os servizos sociais.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: