O de Poio xa estivo á fronte do Sporting de Braga, e a principios da década de 1990 levou o Compostela desde a Terceira á Primeira española.
Fernando Castro Santos foi presentado este martes como novo técnico do Leixões, equipa da Primeira División do fútbol portugués que ocupa na actualidade a penúltima praza da clasificación. Segundo informa o xornal Record, o de Poio mostrouse "orgulloso" polo convite do clube de Matosinhos.
"A equipa ten potencial mais é certo que temos que mudar algunha cousa. Temos que cometer menos erros e correr mais", subliñou Castro Santos nunha sala de prensa ateigada de xornalistas. E engadiu: "Non sei se é bo ou malo ser sempre chamado para orientar equipas en dificultade, mais é un grande orgullo".
De 57 anos, regresa á Liga portuguesa onde xa estivo á fronte do Sporting de Braga en dúas ocasións (1997/98 e 2002/03). De entre as equipas que adestrou -Pontevedra, Celta, Sevilla ou Poli Ejido, entre outras- destaca o seu paso polo Compostela, que conseguiu subir desde a Terceira á Primeira división do fútbol profesional español.
"Ninguén come ninguén no terreo de xogo. Poden existir diferenzas no tratamento dos xornais, radio, televisión, mais no céspede todos somos iguais e aí será que teremos que mostrar o noso valor", sinalou Castro Santos, que se comprometeu por temporada e media e substitúe no cargo o José Mota, destituído polos malos resultados do Leixões.