Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PP rexeita responsabilidades políticas

Miranda quítalle importancia ao caso de filtracións nas oposicións

BNG e PSdeG recordan que no bipartito houbo dimisións por feitos "menos graves". Con todo, o PP di estar disposto a estudar a futura reforma dos procesos selectivos.

Redacción - 11:05 10/02/2010

"Hai unha responsabilidade política clara". Insistiu este martes no Parlamento o deputado nacionalista e ex conselleiro Alfredo Suárez Canal, en que o PPdeG debera aceptar a depuración de responsabilidades no acontecido coas filtracións nos procesos selectivos para a Xunta nas categorías C1 e C2. Suárez Canal censurou que o PP "impide que se esclarezan" esas responsabilidades e se tomen medidas diante do acontecido.

O voceiro do BNG recordou que na anterior lexislatura o bipartito demostrou un comportamento exemplar malia que o acontecido foi naquela ocasión "o extravío dos exames". "Daquela o goberno interveu e tomou as medidas correspondentes, aínda que os feitos son agora máis graves", expuxo Suárez Canal. Ao respecto, advertiu que a oposición non permitirá que o Goberno se vaia "de rositas".

"Os feitos son de extrema gravidade", subliñou Canal, advertindo de que é necesaria unha resposta que vaia máis aló do ámbito penal e administrativo. O BNG reclamaba ademais que se identificasen con exactitude os mecanismos e procedementos que fallaron para poder introducir as "medidas pertinentes que eviten que se repita no futuro". Os nacionalistas chamaban a resolver o asunto para garantir a transparencia e a limpeza dos procesos públicos de oposición e a dar conta do feito no Parlamento e en non máis de dous meses. Mais a moción dos nacionalistas foi rexeitada polo PP.

O PP di que xa se investigou
Na súa intervención, o voceiro do PP; Antonio Rodríguez Miranda, argumentou que o Goberno xa fixo unha investigación interna sobre as "posíbeis irregularidades" nos exames en cuestión e asegurou que "non hai funcionarios públicos implicados". Para Rodríguez Miranda, a tal investigación xa quedou abondo "explicada" na Cámara polo conselleiro de Presidencia. O deputado popular tamén teimou en que "non se produciu prexuízo para ningún opositor", indicando que as 5 persoas das que se probou a súa implicación foron excluídas do proceso ao comprobarse que coñecían os contidos da proba antes do exame.

Por outra parte, Miranda dixo que a súa formación si será partidaria de "volver revisar os protocolos de actuación nos procesos selectivos" e nos tribunais das probas. Apuntou o portavoz do PP que a Xunta estudará as posíbeis achegas aproveitando as incidencias acontecidas para ver as mellores que no seu caso serían necesarias. Miranda reprochoulle ao BNG que non aceptase unha emenda á moción dos nacionalistas que propoñía crear unha comisión para avanzar nesa posíbel reforma dos tribunais de selección.


1/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: