PPdeG e PSdeG aceptan en parte unha proposta dos nacionalistas, polo que se recollerá o dereito a ser atendido en galego.
Aymerich, voceiro parlamentario do BNG
Os grupos do PPdeG e do PSdeG deron este martes luz verde á Lei Ómnibus galega, que modifica un total de 23 normativas da lexislación da comunidade para se adaptar á Directiva de Servizos da UE. Con todo, os nacionalistas rexeitaron o texto, aínda que recoñeceron "melloras" introducidas no trámite parlamentario, posto que o BNG demandaba blindar as condicións laborais.
Foi o portavoz do Grupo Parlamentario do Bloque, Carlos Aymerich, que puxo o acento en que a libre prestación de servizos "legaliza o dumping" social e, polo tanto, "non se garante que os traballadores galegos" estean suxeitos á lexislación laboral de Galiza.
Neste senso, instou os grupos a incorporar unha emenda dos nacionalistas co fin de "asegurar as condicións mínimas", aínda que iso supuxese "un conflito" coa UE. O socialista Xosé Manuel Lage Tuñas mostrouse molesto con esta cuestión. O PSdeG "non aceptará leccións" sobre a defensa dos dereitos dos traballadores, recordando que o seu partido leva nas siglas a condición de "obreiro".
O representante do grupo do PPdeG no debate, Antonio Rodríguez Miranda, propuxo transaccionar a emenda nacionalista incorporando a necesidade de que a defensa das condicións de traballo atendan ás normativas europeas e estatais vixentes. "Teñen a posibilidade de collela e aprobala, ou votar en contra e ficar en solitario". Finalmente, non foi incluído.
Inclusión do galego
Durante as súas respectivas intervencións, os deputados dos tres grupos salientaron as melloras que ha supor a transposición da normativa para a simplificación de trámites ou en aspectos como os colexios profesionais. Todos se fixaron tamén na introdución do galego na prestación de servizos.
Aymerich reivindicou que o texto recollese a obriga de que os prestadores de servizos se dirixan aos consumidores, de forma oral e escrita, en lingua galega -unha opción transaccionada cos demais grupos. "Non satisfai, mais é un primeiro paso para a plena aplicabilidade da lingua", manifestou o deputado do BNG, que apostaba por recoller a obriga de "promovela", ademais da de dar garantías para os dereitos dos consumidores.
Rodríguez Miranda sinalou: "É a proba evidente de que neste grupo estamos por apoiar a lingua propia á marxe de extremismos". Ademais, aproveitou para subliñar que os 'populares' aceptaron boa parte das emendas da oposición "para mellorar o texto" e "pór por riba os intereses do país".