Alumnado de cuarto de ESO e mais Bacharelato deberá debater, na primeira edición do programa, arredor das redes sociais.
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado puxo en marcha o programa Parlamento Xove, dirixido a fomentar entre a mocidade a capacidade de argumentación ou a expresión escrita, entre outras destrezas. Está destinado ao alumnado de cuarto curso da ESO e do Bacharelato.
En resumo, será unha competición de debate para un máximo de 48 equipos, que deberán argumentar arredor dun determinado tema. Nesta edición será 'O uso de redes sociais e novas formas de comunicación entre os adolescentes: une ou separa?'.
Mais, a imaxe que publican como punto de partida para comezar a debater arredor das redes sociais, non se adapta demasiado á realidade galega. A clasificación de webs 2.0 que achega, ademais de estar en castelán, ignora redes do país como Chuza, Cabozo ou Blogaliza e menciona outras non moi estendidas en Galiza.
Mecánica
A primeira fase, clasificatoria, consistirá en elaborar dous artigos para a súa publicación na web e un monográfico de investigación. Na fase final, os oito equipos mellor valorados participarán en debates de eliminación directa.
Durante os primeiros 15 días de febreiro está aberto o prazo de inscrición, con 12 equipos por provincia que se escollerán por orde de solicitude. Cada centro educativo poderá inscribir dous equipos, do que o segundo irá directamente a unha lista de espera.