Ao tempo, aproveitan para criticar a "falta de políticas activas de emprego" para a mocidade.
María Torres e Ignacio Filgueira na presentación da nova web das XSG
"Durante o segundo trimestre de 2009 o número de asalariados xóvenes descendeu en 17.582 mozos e mozas, e o número de contratos indefinidos descendeu un 1,1% con respecto aos datos de 2008", expoñen desde as Xuventudes Socialistas. Ao respecto pídenlle á conselleira de Traballo, Beatriz Mato, que se "poña as pilas" en favor do diálogo social e de políticas de inserción no mercado laboral. "De continuar con esta actitude, de seguro voltaremos aos sangrantes datos do goberno de Fraga nos que cada día 50 mozos e mozas abandonaban Galiza para buscar traballo", agoiran.
Renovación en rede
"Entendemos a comunicación como un medio de crear espazos de coparticipación social e intercambio de ideas e inquedanzas, por iso queremos facer da nosa nova páxina web, un lugar de encontro virtual de todos os mozos e mozas galegos coa nosa organización". Así presentaba esta fin de semana a nova web das Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) a secretaria xeral do colectivo, María Torres.
Ao fío, o secretario de novas tecnoloxías e comunicación das XSG, Ignacio Filgueiras, destacou a aposta das mocidades do PsdeG pola utilización das redes sociais en internet e pola innovación do novo espazo virtual como punto de encontro para "traballar no medio máis próximo aos mozos e mozas galegos intercambiando información e puntos de vista sobre políticas que nos afectan directamente". "Son un medio real, inmediato e bidireccional de transmisión de información", subliñou Filgueiras. A web xuntará ligazóns das agrupacións locais da organización e das bitácoras dos afiliados ás XSG.
Recordámoslles que de renovación recente son tamén as webs de Galiza Nova, que desde hai semanas volve actualizarse periodicamente e a de Novas Xeracións, mais neste caso, a das mocidades do PPdeG non inclúe ningunha novidade desde a polémica organización en eBay dunha poxa por unha cea co presidente da Xunta.