Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Mudanza no sector (I)

TDT local: entre querer e non poder e poder e non querer

Iniciamos un repaso á situación á que se enfronta o audiovisual galego no momento de transición ao sistema dixital.

Modesto del Río - 10:00 04/02/2010

Coa chegada do mes de febreiro, xa máis da metade da poboación do país ve só a televisión dixital terrestre (TDT). As emisións analóxicas son xa historia, o que deixa nunha situación complicada as canles de televisión de ámbito local que aínda non deran o paso de emitir en dixital, en moitos casos por non contar coa concesión administrativa necesaria.

As licenzas concedéronse xa no ano 2005, no caso das canles con emisión para todo o país, e no 2006, no caso das locais. Porén, non foi até a inminente chegada do apagamento analóxico cando as diferentes canles comezaron a dar o salto á TDT. Dende que en maio de 2008 comezaron a emitir as televisións locais de Compostela, fóronse sumando outras empresas que xa contaban con emisións analóxicas.

As que faltan por facelo teñen como data límite a da desconexión definitiva, prevista, en principio, para o 3 de abril, pero que o goberno español xa anuncia para finais de marzo, por coincidir a data fixada coas festas de primavera. Outra historia é o que acontecerá coas televisións que non superaron o concurso ou coas empresas que o gañaron e non contaban con televisión de seu.

Pequenas emisoras con atrancos
Precisamente, canles locais que levaban anos funcionando e que crearan "máis de 400 postos de traballo" están ameazadas polo peche. Así afirma Isidro Barco, xerente de DezTV, televisión da comarca do Deza que si obtivo licenza. Barco asegura que a Xunta está a prexudicar as emisoras locais. Por exemplo, denuncia que Retegal, a empresa pública encargada do transporte do sinal, cobra "unha barbaridade" por prestar o servizo, e que ademais os reemisores instalados polo Goberno con fondos públicos, e que tamén benefician televisións privadas de ámbito estatal, non están preparados para transportar o sinal das canles locais.

"Déronselles licenzas a grandes medios que non queren investir ese diñeiro, mentres as pequenas empresas que sustentamos todo o sector están ameazadas coa desaparición", é outra das súas queixas. O xerente de DezTV cualifica a situación de "moi dura", mais "non pola tecnoloxía, senón pola política: non hai vontade de apoiar as televisións locais".

Ademais dos atrancos e dos gastos precisos para obter unha licenza de TDT, chega despois a cota que lle hai que pagar a Retegal, e que deben dividir as empresas concesionarias en cada demarcación... se é que emiten. No caso de DezTV, aseguran que teñen que asumir o gasto en solitario.

Outro dos problemas é que as demarcacións deseñadas polo Ministerio de Industria non contemplan a realidade do país. Así, no caso de DezTV, non lle é posíbel emitir dende o monte Pedroso, en Compostela, cara a onde apuntan moitas antenas da bisbarra, por estar fóra da demarcación de Lalín, o que limita a súa difusión. Malia que o sector se ve "abandonado" pola Administración, asegura que "sei que imos sobrevivir".

Canles 'en barbeito'
O caso oposto é o das licenzas concedidas a La Capital, editora do xornal El Ideal Gallego. Conta con catro concesións (A Coruña, Ferrol, Carballo e Vilagarcía de Arousa), pero non ten previsto explotalas polo momento. Xosé Manuel Dapena, director de márketing do grupo La Capital, afirmou que non van emitir "a curto prazo, aínda que si a medio/longo prazo". Polo tanto, en abril aínda non existirá esa televisión. Deixou aberta a porta a que os outros concesionarios cos que comparten demarcación si comecen a emitir e, no caso de que a Xunta poña "algún pero", "tomariamos a decisión oportuna".

Na mesma situación están "moitos grupos", afirma Dapena, pois "non se dan as condicións de mercado para saír hoxe, tal e como están as cousas". Confesa que o ideal sería "poder emitir e crear postos de traballo en televisión", pero a situación que está a atravesar o sector é "complicada". Porén, "estamos abertos e levamos anos falando con algunha xente" para chegar a acordos de asociación ou aluguer da concesión. "O problema é que agora non hai moitas 'noivas'. Non hai unha demanda por parte de grupos ou de produtoras. Estamos abertos a calquera proposta, porque sería a solución ideal".


3,67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: