Velaí unha resposta á cuestión "o que che fai feliz do deseño?". Máis no espazo Wononom, alumeado por un feixe de creativos galegos.
No principio foi o CaféDTurno, quedada mensual que foi xuntando un ecléctico grupo de persoas para compartir un café, a cada vez nun recuncho diferente de Santiago de Compostela. E o que naceu como reunión de deseñadores apañou polo camiño programadores, publicitarios e outras xentes de profesión vencellada á creatividade.
Así, e alén do intercambio de coñecementos, anécdotas, técnicas ou contactos, os participantes acabaron encarreirando ademais as súas inquedanzas artísticas ao abeiro do deseño, fotografía, música, cinema, web e outras lerias. Logo de enredar nun concurso de pinchos creativos e seica outro de chapas, botan á luz unha publicación dixital conxunta: wononom.
"Cousas que hoxe nos resultan imprescindibles ou de uso cotián, non existirían de non ser pola perseverancia dos seus creadores (desde o clip á fregona)", reflexiona Raquel Boo. "Todo recollidiño, libreta, lapiceiro, taza grande de café... ese momento de comezar a pensar", responde Rebeca á pregunta sobre "o que che fai feliz do deseño". "As nosas facianas disimulan sin cesar ante a despavorida oleada de títeres ou esnobs que vemos diariamente polas rúas", apunta Irene García na súa peza 'Identidade-Marca'. "O importante non é a omnipresencia das novas ferramentas senón como está a cambiar o noso xeito de facer as cousas", analiza Cenlitrosmetrocadrado. Prometen achegar novas ideas cada dous meses.