Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Vieiros da Escola

"Onde venderon as vacas, agora aran co can"

Peza do regueifeiro Fermín da Feira Nova recollida por María do Carme Pardiño Rial.

Redacción - 10:00 03/02/2010
Tags:

Na actualidade quedan poucos regueifeiros e practican esta arte de maneira esporádica cando son invitados por asociacións culturais ou colexios. Fermín Calvo, ou Fermín da Feira Nova, é un destes regueifeiros en activo e aprendeu a arte de regueifar en tabernas, fías e romarías. Naceu no 1936 no municipio de Cabana e afirma que o futuro da regueifa veo «moi mal: a xente non quere aprender e os que estamos xa imos marchando». Unha das súas regueifas foi recollida por María do Carme Pardiño Rial en ReGueiZeiros CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco.


Desde Carballo ata Corme
desde Malpica ó Briño
poetas e regueifeiros
viva todo Bergantiños!

San Xulián de San Xusto
deixou a súa capela.
No alto de Rececinde
danlle os aires de Fisterra.

Concello de Coristanco
cantas voltas eu che dei,
por muitos anos que viva
outras tantas non darei.

Hai muitos muíños vellos,
todos son dignos de ver
como están abandonados,
ningún deles quer moer.

Obra de Asunción Antelo,
bonita, digna de ver,
mirade que fixo ela,
iso non é de esquecer.

Esta parroquia sagrada,
parroquia de Silván,
onde venderon as vacas,
agora aran co can.

Noso santo San Antonio,
un santo mui milagroso,
teño que darlle un carneiro
pra que turre cun raposo.

Está no lugar de Segufe,
a súa fonte no medio,
un museo miu bonito
de doña Asunción Antelo.

As licencias de pescar
é cousa que máis o sinto;
xa as debían de dar gratis
prós de máis de setenta e cinco.

Cando eu vou pescar
métome por entre as brañas;
para coller o regueifeiro
teñen que dar muitas mañas.

Se vas polo mundo adiante,
non fales mal de ninguén,
todo mundo de aprecia
e todos che queren ben.

Acórdome da miña avoa,
contos que ela contaba!,
non os deixei olvidar
pola ansia que me daba.

Adiós todo Bergantiños
para hoxe máis non escribo
acordareime de todo
asta o último suspiro.


Ligazóns

1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: