Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
No Museo do Pobo Galego

"Ao pé do lar", memorias de cociña

Unha completa exposición homenaxea a gastronomía do país. Á beira, as iniciativas "Pratos con memoria" e "Noites contadas", recreando a maxia dos antigos relatos ao carón da lareira.

Redacción - 09:30 31/01/2010
Lareira da reitoral de San Miguel de Sarandón (Vedra) / Foto: Maribel Ruiz de Erenchun

Lareira da reitoral de San Miguel de Sarandón (Vedra) / Foto: Maribel Ruiz de Erenchun

Imaxes, sons, cheiros e, por suposto, sabores. Velaí o abano de sensacións cos que a exposición Ao pé do lar, memorias de cociña, nos convida a percorrer dous mil anos de historia gastronómica. A cita será no Museo do Pobo Galego desde o vindeiro venres 5 de febreiro e até o próximo 7 de marzo.

A través de fotografías de gran formato, recreacións 3D, infografías, paneis interactivos e audiovisuais levarán, os visitantes poden seguir a evolución histórica da gastronomía galega, desde a Idade do Ferro até a modernidade. Un percorrido histórico que toma como referencia a cociña como espazo doméstico de elaboración de alimentos e como un lugar central da cultura galega e vai debullando as achegas culinarias e alimentarias de cada época.

Pratos con memoria e Noites Contadas
As cociñeiras Erundina Vázquez (Restaurante Ateneo de Piñor) e Inés Abril (Restaurante Maruja Limón, Vigo), baixo a coordinación do xornalista Miguel Vila recrearon para Ao pé do lar receitas de diferentes épocas que se poden consultar e recoller na exposición e que os visitantes poderán coleccionar nunha carpeta que se entrega ao inicio da mostra. Pratos como as papas pegas, a costrada, os bertóns recheos, o capón con ostras ou a tortilla ao ron percorren máis de dous mil anos de gastronomía galega en sabores. A maiores, durante o tempo que dura a exposición sete restaurantes composteláns ofrecerán os pratos recuperados para a ocasión: os restaurantes Abastos 2.0, Acio, Calderón, Garum, El Mercadito, o De Profundis - Hotel Monumento San Francisco e Pedro Roca.

Outra orixinal proposta de divulgación será o programa Noites Contadas. Unha serie de espectáculos nocturnos de narrativa oral ao redor dunha lareira recreada especificamente para as representacións, cando pechan as portas do Museo. Paula Carballeira (10 de febreiro), Quico Cadaval (11 de febreiro), Avelino González (18 de febreiro), Cándido Pazó (25 de febreiro), serán os encargados de recrear para os asistentes o ambiente e as temáticas das historias contadas ao redor do lume. E doutra banda, o mércores 17 de febreiro, o evento Marcelo Tejedor: comer a vida, no que o chef galego máis recoñecido internacionalmente narrará a partir da súa biografía as grandes transformacións da alimentación e da gastronomía en Galiza nas últimas tres décadas, acompañado dunha mostra fotográfica e da ambientación do DJ Javier Rial.

A exposición está comisariada polo xornalista e profesor da USC Manuel Gago. O equipo de expertos intégrano entre outros o historiador Xavier Castro, encargado dos contidos da exposición e Soledad Felloza na coordinación de produción, fotografía e didáctica.


Ligazóns

5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: