A 48 horas do congreso e coa dirección do PPdeG empregándose a fondo para domear a “provincia díscola”, a guerra sen cuartel na dereita ourensá cruza límites inesperados.
Xosé Manuel Baltar presentou este xoves os 805 avais cos que competirá o sábado pola presidencia do PPdeG de Ourense. Demostrando que a guerra contra os partidarios de Jiménez Morán é total, Baltar desvelou publicamente que o alcalde Verín ingresa as cotas dos militantes da localidade nunha conta que está “a nome del e cun NIF propio. Non se ingresa ao partido, senón a unha conta do señor Jiménez Morán”.
A forte puñada que lle propina a 48 horas do congreso provincial é unha mostra máis dunha das campaña internas máis duras que se teñen vivido no PPdeG. O entorno de Baltar está moi doído coa dirección galega á que acusa de traballar a prol de Morán. Consideran que o núcleo duro de Núñez Feijoo (capitaneado por Alfonso Rueda) está a darlle azos dende Compostela ao rexedor verinés.
Aínda que dende o PPdeG queren forzar unha dirección provincial de integración, onde o “baltarismo” perda peso político, Xosé Manuel Baltar deixou claro que o seu pulso é a todo ou nada: “Na futura dirección non van estar os desleais”.
Feijoo quere ter marxe de manobra para as listas municipais
Dende a súa chegada á presidencia do partido, Núñez Feijoo non deixou de dar pasos pequenos, pero constantes, para “desbaltarizar” Ourense. O dos Peares é consciente de que esta é a única provincia sobre a que non ten un control real e na que resiste o “sector da boina”.
Na anterior folla de ruta é especialmente importante o congreso deste sábado. A razón é obvia. A dirección que saïa do cónclave vai ter un peso notábel á hora de decidir as listas nas eleccións locais. E eses comicios son para os de Feijoo a oportunidade idónea de facer saltar os alicerces do “baltarismo”. A moeda está no ar.