Malia que o sismo foi hai menos de quince días, a Sociedad General de Autores di que a posíbel exención de pago hai que solicitala un mes antes do concerto.
Coas implacábeis burocracias da Sociedade General de Autores y Editores (SGAE) non hai xustificación posíbel. Así o veñen de comprobar sete asociacións veciñais de Cambre, organizadoras dun maratón solidario a prol do pobo haitiano. A onda de solidariedade co país caribeño logo da catástrofe provocada polo terremoto a mediados deste mes de xaneiro non pareceu conmover os ríxidos mecanismos da entidade xestora. Así, os colectivos quéixanse de que a SGAE lles esixa 243 euros pola organización dunha festa que terá un carácter "totalmente altruísta" e co que os colectivos pretenden recadar fondos para axudar os cidadáns de Haití.
Por riba, á hora de expoñer a motivación solidaria coa fin de reclamar a exención do pago, as asociacións toparon coa inflexíbel burocracia: a SGAE responde que a solicitude debe facerse necesariamente cun mes de antelación ao concerto. Mais, subliñan os colectivos, evidentemente, hai un mes nin sequera acontecera o terremoto. En todo caso, os colectivos implicados, logo de expresar a súa "indignación" e denunciar a "nula sensibilidade" da SGAE, rañaron os petos e abonaron os 243 euros. Paradoxalmente, a SGAE anuncia esta semana na portada da súa web que se solidariza "coas vítimas do terremoto de Haití" e convida os seus socios a facer achegas a unha conta aberta a tal efecto.
De calquera xeito, o próximo sábado 30 de xaneiro terá lugar o evento no Concello de Cambre. Serán quince horas seguidas, desde as 12h30 até as 3h30 da madrugada. As organizacións convocantes son a Asociación Sociocultural de Mulleres d'A Barcala, Asociación de Veciños de Pravio e Cela (Avepace), Asociación de Veciños A Unión de Brexo-Lema, Asociación de Veciños O Cruceiro de Bribes, Asociación de Veciños de Santa María de Vigo, Asociación de Veciños Torre de Andeiro e Asociación de Veciños de San Lourenzo A Pista. Colaborarán medio cento de voluntarios e a festa conta co apoio de ducias de veciños e empresas colaboradoras. Os artistas que actuarán de balde, entre outros, a Banda de Música Sementeira de Cambre, a Orquestra Fania Blanco Show, o Dúo Ciclón, as orquestras París de Oza, Montes e Alarma ou o Mago Pablo. Haberá tamén pantalla grande para ver o Deportivo da Coruña furar a porta do Real Madrid na sesión futboleira da tarde-noite sabatina.