Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DEZ MESES DESPOIS DE CHEGAR AO PODER

A Feijoo atragóaselle a privatización dos servizos sociais

Máis dun cento de profesionais, apoiados por numerosas entidades, crean unha gran plataforma pola defensa do seu carácter público.

Redacción - 11:54 25/01/2010
Tags:

Ao Goberno non lle saen as contas. Logo da sorprendente maioría absoluta de marzo, moitos analistas prognosticaban unha lexislatura cómoda para os de Núñez Feijoo. Dez meses despois a realidade é que o executivo está a atopar unha forte oposición social á hora de sacar adiante algunhas iniciativas. Se a semana pasada ducias de milleiros de persoas se manifestaron en Compostela a prol da normalización lingüística, este martes a capital de Galiza vai ser escenario da presentación pública da Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais.

Numerosas entidades sociais e públicas de Galiza forman parte dunha iniciativa que pode representar un serio crebacabezas para a Consellaría de Traballo e Benestar. Á plataforma xa se sumaron concellos como o da Bola, Pobra de Brollón, O Carballiño, Boiro, Vigo ou Vilagaracía de Arousa. Tamén colectivos tan recoñecidos como a Fundación Érguete-Integración, Alcer, Plataforma polo Emprego, Plans Comunitarios dos Barrios de Vite ou Teis e máis dun cento de traballadores dos servizos sociais galegos.

O primeiro paso da plataforma consistirá na presentación do Manifesto en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais. O documento pídelle ao Goberno actuacións firmes para desenvolver a Lei de Servizos Sociais aprobada en 2008. No mesmo tamén se fai fincapé na necesidade de preservar o carácter público destes servizos e móstrase a preocupación pola posibilidade de que a Xunta caia na tentación de favorecer as privatizacións.

Primeiro sinal de alarma: O desmantelamento do Consorcio

O despedimento de 61 traballadores das oficinas comarcais de Igualdade e Benestar (logo dun polémico proceso de difamación), a posibilidade de privatizar o servizo en centros construídos con fondos públicos e o incremento na contratación de empresas privadas foron cruciais para a conformación desta fronte común.

Mais dende a propia plataforma sinalan que o obxectivo da mesma vai moito máis aló do conflito no Consorcio. Un dos seus membros, Miguel Fernández, sinaláballe este martes a Vieiros que pretenden facer un traballo “positivo” para defender a necesidade duns servizos sociais públicos para que exista realmente un sistema de benestar. Porén, admite que os primeiros pasos do Goberno están a erguer moita preocupación entre os propios profesionais.


5/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: