O Auditorio de Galicia recibe o innovador trio jazzeiro, que chega co cuarto disco abaixo do brazo.
Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo), Manuel Gutiérrez (piano) e LAR Legido (batería). Xuntos forman Sumrrá, unha proposta musical artellada arredor da esencia jazz que lles corre polas veas, mais tomando elementos de xéneros diversos, desde o pop ao folk, pasando polo rock.
Unha aposta artística de vangarda que os converteu en referencia a nivel estatal e que os pon ben altos nos escenarios do jazz europeo. Desta volta, celebran o seu décimo aniversario, e presentan o disco 4.0, gravado en directo na Sala Nasa. Son acústico "espido e cru". A prensa especializada non repara en afagos para Sumrrá, salientando a súa achega que, alén de sinxela e honesta inxecta grandes doses de talento, forza e complicidade. O seu intenso directo poderá vivirse este sábado no ciclo Sons da Diversidade, organizado pola concellaría de Cultura de Santiago de Compostela. Será no Auditorio de Galicia, ás 21horas. O prezo da entrada é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas.