A perda do escano no Senado por Massachusetts deixa os demócratas sen maioría no primeiro aniversario do cambio de Goberno.
Primeiro ano de goberno Obama
Scott Brown, un republicano de baixo perfil, gañou este martes as eleccións especiais organizadas en Massachusetts para ocupar o escano no Senado que durante máis de 40 anos ocupou un dos demócratas máis progresistas do país, Ted Kennedy. A súa elección, a véspera do primeiro aniversario da toma de posesión de Barack Obama, é todo un revés para o Goberno que agora ve comprometido o maior proxecto lexislativo posto en marcha, a reforma do sistema sanitario.
O resultado desta elección nun territorio historicamente demócrata é toda unha advertencia para o Goberno de Obama a quen a crise e o obstrucionismo republicano lle están impedindo capitalizar politicamente case ningún logro no primeiro ano de lexislatura.
A mensaxe de Massachussets e a tendencia das enquisas é que os estadounidenses discrepan do Goberno de Obama e que ningún voto é seguro. Crise financeira, dereitos humanos e a reforma do sistema sanitario foron os grandes temas no seu primeiro ano:
20 de xaneiro de 2009: Obama xura o cargo como primeiro presidente negro dos Estados Unidos de América.
22 de xaneiro: Obama ordena o peche da polémica prisión de Guantánamo (na illa de Cuba) como moi tarde nun ano e prohibe empregar a tortura nos interrogatorios a supostos terroristas. O peche de Guantánamo aprazouse en novembro.
26 de xaneiro: O presidente anuncia unha mudanza na política de enerxía e de medio ambiente.
26 de xaneiro: Obama diríxese ao mundo islámico. Aspira a unha "nova cooperación desde o respecto mutuo", segundo subliña nunha entrevista coa canle de noticias árabe Al Arabiya.
4 de febreiro: Na loita contra a crise financeira o presidente pon no punto de mira os enormes soldos dos banqueiros de Wall Street e dos altos executivos.
4 de febreiro: Obama asina unha lei para unha mellor cobertura do seguro para millóns de crianzas e familias en precaria situación social.
13 de febreiro: O Congreso dá luz verde ao paquete multimillonario conxuntural. Con case 790 mil millóns de dólares (614 mil millóns de euros) realízase a maior inxección na historia dos EUA. O obxectivo é asegurar e crear millóns de postos de traballos.
26 de febreiro: Na loita contra a crise económica o mandatario asume un inmenso déficit público de 1,75 billóns de dólares (137 mil millóns de euros).
9 de marzo: Obama suspende as limitacións no financiamento da investigación en células tronco.
13 de marzo: Obama elimina a denominación "combatente inimigo" para os internos de Guantánamo e ordena que a súa situación se rexa polo dereito internacional.
19 de marzo: Apróbanse programas de axuda para a industria automobilística para axudar os fabricantes de compoñentes e o desenvolvemento de vehículos híbridos.
20 de marzo: Nunha mensaxe con motivo do ano novo persa, Obama realiza un firme ofrecemento a Irán para iniciar unha nova fase nas relacións, que desde hai anos permanecen conxeladas.
1 de abril: Obama e o seu homólogo ruso Dmitri Medvedev acordan en Londres novas negociacións sobre o desarmamento nuclear.
5 de abril: Encontro en Praga cos 27 xefes de estado e de goberno da Unión Europea. Ante máis de 20 mil persoas, Obama expón a súa visión dun mundo sen armas nucleares.
9 de abril: A CIA dá a coñecer o peche dos seus cárceres secretos.
13 de abril: Cauteloso xiro na política cara a Cuba. Obama suspende todas as limitacións ás viaxes para os cubanos no exilio. Ademais, no futuro, os cubanos no exilio poderán volver enviar diñeiro ás súas familias na illa.
16 de abril: Os métodos extremos empregados nos interrogatorios a supostos terroristas quedarán impunes. O anuncio provoca unha vaga de indignación mesmo entre os propios seguidores de Obama.
4 de xuño: No Cairo, Obama pronuncia un discurso dirixido ao mundo islámico no que avoga pola reconciliación.
15 de xullo: Os plans de Obama para unha ampla reforma do sistema de saúde salvan o primeiro obstáculo. O Comité de Saúde do Senado aproba o megaproxecto presentado polos demócratas, que precisaría de 600 mil millóns de dólares (427 mil millóns de euros) durante dez anos. O obxectivo central desta medida é que todo estadounidense teña un seguro médico. A finais de 2009 a reforma supera as votacións na Cámara de Representantes e no Senado.
14 de setembro: Os EUA por vez primeira participan como membro no pleno do Consello de Dereitos Humanos da ONU.
17 de setembro: Obama detén os plans do seu predecesor George W. Bush na República Checa e en Polonia para construír un escudo antimísiles ante un eventual ataque iraniano con mísiles de longo alcance. Moscova responde renunciando á instalación de mísiles preto da fronteira polaca.
9 de outubro: Obama é distinguido co Nobel da Paz por "reforzar a diplomacia internacional". Na entrega, o 10 de decembro, defende a guerra en Afganistán e afirma que en ocasións é inevitábel o uso da forza.
1 de decembro: Anuncia o envío de 30 mil soldados máis a Afganistán a principios de 2010 para facer fronte á resistencia talibán, que foi gañando forza e territorio.
18 de decembro: Obama considera próximo un acordo con Moscova sobre o desarmamento nuclear, mais rexeita as informacións rusas de que ambas as dúas partes xa se puxeran de acordo en todos os puntos. O acordo START I (de 1991) expirou o 5 de decembro.
19 de decembro: Logo de 13 días de negociacións conclúe a megaconferencia sobre o cambio climático da ONU cun polémico consenso mínimo. China e os EUA non definen as súas posturas.
25 de decembro: Ataque frustrado dun islamista radical de orixe nixeriana contra un avión de pasaxeiros estadounidense. Obama acusa o servizo secreto de "fallar" de forma "desastrosa".