O xurado destacou a calidade da obra presentada pola poeta do Morrazo.
Lucía Novas / Imaxe: AELG
Reunido o mércores 10 de xaneiro o xurado do XIII premio de poesía Johán Carballeira do Concello de Bueu, resultou gañadora a obra "Neve" de Lucía Novas Garrido.
O xurado, composto por Mario Regueira, Helena de Carlos e Rosa Enríquez, apreciou, segundo consta na acta levantada aos efectos, a capacidade da autora para crear "unha obra orixinal a partir de técnicas compositivas clásicas (acumulación, ausencia de verbos...) e a súa riqueza léxica na configuración dunha nova perspectiva da poesía paisaxística".
Lucía Novas Garrido naceu no outorno de 1979 no propio Concello de Bueu e estudou nos centros públicos desta vila do Morrazo, no Colexio Público de Bueu A Pedra e no instituto Johan Carballeira. Estudiou dous cursos de Tradución e Interpretación e posteriormente licenciouse en Filoloxía Galega na Universidade de Vigo. Viu publicado o seu primeiro libro en 2001, Epiderme de Estío, froito do seu poemario gañador naquela altura do Premio de Poesía do Concello de Carral. Entre outros ten gañado tamén o Premio Universidade de Vigo de poesía e o Faustino Rey Romero.