A Xunta, voluntarios de Protección Civil e Bombeiros, asociacións e ONGDs do país ofrecen a súa colaboración.
O Estado español freta seis avións
O Goberno, a través da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, achegará 15 mil euros para comprar material de axuda humanitaria para os damnificados polo terremoto que arrasou Haití. Segundo explicou a Xunta, servirá para adquirir material de primeira necesidade en coordinación coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID).
Ao respecto, a Secretaría de Estado de Cooperación anunciou o envío esta quinta feira doutros tres avións á illa (esta cuarta feira, fletou outros tantos): un desde Madrid con equipos de rescate, e dous desde a base loxística da AECID en Panamá con 50 toneladas de material de emerxencia.
Ademais, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Estrada, con tres guías do Grupo de Cans de Rescate; a Asociación de Cans de Salvamento de Galicia, e os bombeiros do parque municipal da Coruña, entre outros, ofreceron a súa colaboración en resposta a unha solicitude do Ministerio do Interior.
Tamén as organizacións de axuda ao desenvolvemento do país están a participar na emerxencia. Desde a Coordinadora Galega de ONGDS informan que son varias as que teñen contas bancarias abertas para aquelas persoas que queiran colaborar economicamente de xeito privado.
Poden consultar a listaxe actualizada das asociacións implicadas, cos seus respectivos números de conta, na web da Coordenadora.