O Concello de Pontevedra xa lle enviou á Consellería de Medio Ambiente o estudio sobre o impacto medioambiental do selado do vertedoiro de O Rapadiño, saturado desde 1995 e que conta cun presuposto para o seu peche definitivo de 414 millóns de pesetas. O equipo de goberno solicitou xa axuda económica á Deputación Provincial, Xunta de Galicia e Ministerio de Medio Ambiente, pero todavía está á espera da confirmación da cuantía.
O problema do lixo en Pontevedra acada niveis preocupantes toda vez que o vertedoiro de O Rapadiño, na veciña parroquia de Cerpozóns, leva saturado desde 1995. A concelleira do equipo de goberno, Sonia Rey Barros, confirmou que o Concello xa lle entregara o estudio de impacto medioambiental á Consellería e que agora están á espera de que a Administración Autonómica lle dé o visto bo ó proxecto elaborado polo Concello para o seu selado. A Consellería que dirixe Carlos del Alamo reclamou unha serie de informes acerca dos materiais que pretende utiliza-lo Concello no proceso de selado para definir polo miúdo. Asemade o conselleiro confirmou que un proxecto destas características pode obter unha subvención do 85% se se consegue dotar de Fondos Estructurais para o Desenrolo da Unión Europea. O vertedoiro de O Rapadiño conta con máis de 400.000 toneladas de lixo e o proxecto contempla a adquisición dun terreo colindante de 12.000 metros cadrados que serán utilizados para o tralado duns 230.000 metros cúbicos de residuos. Esta operación, xunto cunha excavación en pedra, permitirá estira-lo vertedorio e consolida-las súas ladeiras. A cuberta final terá 30 centímetros de terra, unha capa xeoxestil de protección e unha lámina aislante de polietileno sobre a que se disporá grava e terra vexetal. O proxecto establece tamén a perforación de 13 pozos para a extracción do biogás e un sistema de recollida de lixiviados.