Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Vaciado da lagoa, destrución das dunas

Volta aos métodos franquistas: desfeita ambiental na lagoa de Valdoviño en zona ZEPA e LIC

ADEGA vén de denunciar o grave atentado ecolóxico perpetrado contra da lagoa da Frouxeira en Valdoviño consistente na apertura, sangrado e desecado desta coa autorización e dirección de responsábeis e persoal da Consellería do Medio Rural, afectando gravemente ao humidal protexido e a especies ameazadas.

ADEGA - 12:14 09/01/2010

Estas operacións, efectuadas en pleno LIC e ZEPA da Costa Ártabra, tiveron lugar entre novembro e decembro de 2009, sendo a última apertura a que provocou a destrución da barreira de area que conformaba a regulación natural do nível hídrico da lagoa.

Trátase da mesma política que aplicou o franquismo dende os anos 50 para acabar cos humidais por improdutivos e insalubres, como aconteceu coa lagoa de Antela.
 
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente agora da Consellería do Medio Rural, o organismo encarregado -teoricamente- da conservación da biodiversidade e dos espazos naturais, é a responsábel e executora da destrución da Frouxeira. Conservación da Natureza, menosprezando o estatus de protección do humidal derivado das 5 figuras de protección que posúe (Humidal de importancia internacional- Ramsar, Lugar de importancia comunitaria-LIC, Zona de especial protección para as aves-ZEPA, Zona de Especial Protección dous Valores Naturais e Humidal Protexido), obviando as normativas referentes á protección de especies protexidas e catalogadas e incumprindo abertamente as disposicións da normativa europea e estatal referente á protección de hábitats prioritarios, autorizan e executan no humidal a apertura, sangrado e baleirado da lagoa, as mesmas actuacións que os técnicos franquistas utilizaron hai máis de 50 anos para o desecamento e destrución de numerosos humidais galegos. No franquismo xustificábanse estas actuacións pola consideración de improdutivos e de insalubres dos humidais, produto dun falso desarrollismo, cultivador da ignorancia e da ocultación das vantaxes das zonas húmidas. Na actualidade, esta política está a ter continuidade nas actuacións da Xunta de Galiza quen argumenta nas súas declaracións escusas tais como a inundación temporal dun paseo marítimo mal construído, os problemas de tráfico rodado, ou a inundación parcial e temporal de terreos que ordinariamente fican asolagados. Argumentos que de acordo coa Directiva Hábitat e a Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, non poden ser utilizados para aprobar e executar medidas que supoñan a alteración de hábitats prioritarios, como acontece na Frouxeira.

As modificacións do nivel de inundación invernal teñen ademáis un efecto moi negativo sobre o período de invernada e cría das aves acuáticas, é dicir sobre o principal obxectivo esgrimido para a súa declaración como humidal de Importancia Internacional do Convenio de Ramsar, así como para a súa inclusión na Rede Natura 2000. Esta alteración incide de xeito moi grave sobre o estado de conservación do humidal, propiciando, ano tras ano, a transformación da lagoa nun pequeno estanque artificial, unido co mar por un esteiro de augas temporais. Co tempo, esta situación provocará a súa destrución definitiva como lagoa costeira de seguirmos con este tipo de actuacións que fan sospeitar a posible existencia doutro tipo de intereses de índole urbanística dada a insistencia coa que se repiten estes feitos. No Ano Internacional da Biodiversidade a xestión da Frouxeira deixa moito que desexar.

Asimesmo, ADEGA quere denunciar a deixación de funcións da Dirección Xeral de Conservación da Natureza en relación coa vixianza do tráfico e aparcamento de vehículos e caravanas no sistema dunar, a proliferación de cans soltos, a captura de peixes no desaugadoiro do humidal cunha arte totalmente ilegal, que se ven agudizados coa desecación da lagoa. Todas estas actuacións realízanse a plena luz do día ante a pasividade dos axentes que Conservación da Natureza que visitan de tarde en vez o humidal. ADEGA denunciará estos feitos ante a oficina de Ramsar, ante a Comisión Europea e ante o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: