Un fallo na depuradora municipal provocou a morte de máis de 17 mil peixes.
O 24 de xuño do ano pasado o río Barbaña tinguiuse de branco. No cauce do mesmo apareceron máis de 17 mil peixes mortos e nun bo tramo desapareceu calquera pegada de vida. Máis de seis meses despois, e despois dalgunhas voces críticas que falaban de impunidade, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil anunciou que enviará un informe ao Ministerio de Medio Ambiente no que se detalla o acontecido. No mesmo, o organismo público propón que se lle impoña unha multa de 450 mil euros ao Concello de San Cibrao das Viñas (Ourense).
O presidente da Confederación Hidrográfica, Francisco Fernández Liñares, subliña que “as continuas agresións que sofre o Río Barbaña son obxecto de preocupación”. Para este organismo hai probas de que os vertidos están ligados a fallos na estación municipal de depuración. Agora nas vindeiras semanas o Consello de Ministros deberá decidir se ratifica a sanción proposta.