Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Espectacular apertura do campionato

Fartura de goles na festa do fútbol africano

O combinado local, Angola iniciou varrendo cun 4-0 no encontro inaugural do torneo, até que en menos de dez minutos Malí furoulle a porta até o empate: 4-4.

Redacción - 11:45 11/01/2010

Apuntaba feira de goles en beneficio dos anfitrións esta fin de semana no partido inaugural da 27ª Copa Africana de Nacións. Antes do descanso, a cabeza de Flavio chimpara o balón até dúas veces ao fondo da rede da selección de Mali. E xa no segundo tempo, dúas penas máximas foron transformadas en gol con cadanseu proxectil de Gilberto e Manucho.
De aí en diante cheiraba a cousa a paseo triunfal dos locais diante dunhas bancadas que fervían. Mais no minuto 79 Keita, enrolado nas filas do FC Barcelona, chegou da reserva para inaugurar a conta de Mali. E a dous minutos do final, outra vez Keita, furaba a porta angolesa. Parecía que non había tempo para máis, pero a arroutada maliense completouse nos minutos 93 e 94, con goles respectivos de Kanouté e Yattabela. Un 4 – 4 que pechaba unha espectacular inauguración que promete días de magnífico fútbol por terras africanas.

O goberno angoleño garante a seguridade das delegacións
A véspera da Copa Africana de Nacións chegara ensombrecida polo ataque ao bus no que viaxaba a selección de Togo, un suceso con balance de tres mortos (adestrador asistente, condutor e xefe de prensa) e nove feridos, entre eles varios xogadores. Ametrallada na zona fronteiriza de Cabinda, a delegación togolesa decidiu finalmente non retirarse da competición, e xogará os seus partidos no grupo B, onde se enfrontará coas seleccións de Costa de Marfil, Ghana e Burkina Faso.
O ataque fora reivindicado nun documento baixo a sinatura de Rodrigues Mingas, presunto secretario xeral da Fronte para a Liberación de Cabinda (FLEC). Nun comunicado oficial, o goberno de Angola negou a existencia formal da FLEC e definiu o acontecido de "acto de terrorismo" protagonizado por individuos concretos "que queren causar problemas". Vai para tres anos que representantes da FLEC e do goberno angoleño asinaran un acordo de paz, mais no seu momento non todos os sectores se pronunciaron a favor.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: