O grupo nacionalista no Congreso considera que o proxecto de Lei Audiovisual é demasiado mercantilista e non garante a pluralidade cultural e lingüística.
A voceira do BNG en Sociedade da Información, Ana Luísa Bouza, demandou que o goberno español negocie coa Xunta a cesión das competencias de banda larga do espectro radioeléctrico. A parlamentaria pide, nunha proposición non de lei, que esas frecuencias cedidas ao Goberno permitan a banda larga móbil mediante tecnoloxía 4G, aproveitando a coincidencia co apagamento analóxico.
Bouza asegura que o programa PEBA de extensión da banda larga no rural foi insuficiente para levar internet ao 100% da poboación polo que entende que é precisa unha mudanza de estratexia que permitirían as tecnoloxías sen fíos, para o que é preciso reclamar que se ceda unha parte do espectro.
Lei Audiovisual
Por outra banda, o voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, denunciou que o proxecto de Lei Xeral da Comunicación Audiovisual, que se está a debater na Comisión Constitucional, "contempla unha visión da comunicación exclusivamente como negocio, e non como un servizo de interese xeral para a sociedade". Ademais, asegurou que no texto presentado polo goberno español "non están suficientemente regulados os parámetros que garantan unha produción audiovisual de calidade".
Entre os aspectos que criticou están que se permita un exceso de publicidade nas televisións comerciais e que "non se protexan convenientemente os servizos de comunicación comunitaria a cargo de entidades sen ánimo de lucro, fundamentais para asegurar a participación directa da cidadanía". A todo iso sumoulle o feito de que "non están suficientemente contemplados os mecanismos para que as Comunidades Autónomas poidan participar na planificación xeral da comunicación audiovisual, e, polo tanto, que se respecte o pluralismo lingüístico e cultural do Estado".
Jorquera denunciou que a lei se estea a tramitar mediante un procedemento urxente "para impedir un debate sereno e sosegado" dun texto que parece "froito dun pacto entre o Goberno e UTECA, a asociación que agrupa ás grandes operadoras privadas". O BNG presentou 57 emendas, das que tres foron incorporadas no relatorio, sete foron transaccionadas e 47 foron mantidas para o debate en comisión.