Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS LINGUAS NO ENSINO

UXT pide modificacións no decreto e o STEG anuncia que se se aproba irá á vía xudicial

Mentres os primeiros denuncian que o borrador deixa o idioma propio baixo mínimos, os segundos tildan o proxecto de “lingüicida”.

Redacción - 12:05 05/01/2010

A Federación do Ensino da UXT Galicia e o Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galiza (STEG) posicionáronse este martes en contra do borrador de decreto presentado polo Goberno. Aínda que cada un cos seus matices, as dúas organizacións coinciden coa CIG-Ensino en que a proposta creará conflitos e desprotexerá o idioma do país.

A dirección do STEG fixo público un comunicado no que cualifican o borrador como o máis nocivo para a normalización do galego no ensino dende a chegada da autonomía. Para esta organización a conclusión é que “ estamos ante unha norma contraria á normalización do idioma galego, que afondará no fracaso escolar, e que violentará a boa convivencia existente ata hoxe nos centros educativos de Galiza.”

O STEG augura un escenario de desobediencia civil en defensa da lingua propia e anuncian que apoiarán ao profesorado que opte por manter o compromiso coa normalización. Tamén aseguran que a súa asesoría xurídica xa está a estudar un posíbel recurso en caso de que saia adiante o decreto. A denuncia basearíase en que “o non recoñecemento da situación de desigualdade (do galego) incumpre a obriga de protección e promoción estatutaria”.

Pola súa parte, dende a UXT-Galicia tilda a proposta do Goberno de “confusa no fondo e impresentable na forma”. Diante disto, piden unha rectificación inmediata que potencie o idioma propio para que poida acadar unha igualdade real de condicóin co castelán:  “A lingua galega retrocede en porcentaxe mínima de presenza no currículo do ensino obrigatorio. Ten moitas posibilidades de quedar neste mínimo en moitos centros que precisarían dun plus e dunha discriminación positiva para que progresivamente a lingua galega chegara ós niveis de competencia en igualdade co castelán.”

UXT tamén critica abertamente que a Consellaría de Educación traslade aos pais a capacidade de elección de lingua en determinadas materias: “Este proceso de consulta é totalmente antipedagóxico, inasumible didacticamente e imposible de levar á práctica nos centros. Provocaría un conflito de dimensións incalculables, que parece feito por persoas que non viven as tarefas diarias da escola.”


5/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: