Varias personalidades vinculadas ao goberno iraniano pediron unha maior contundencia para frear revoltas da oposición como as acontecidas o domingo.
Mentres que en Irán varias personalidades vinculadas ao Goberno pediron unha maior contundencia para frear revoltas da oposición como as acontecidas o domingo, os líderes da UE, dos EUA e de Rusia condenaron a violencia con que foron reprimidas as mobilizacións.
O presidente estadounidense, Barack Obama, pediu a liberación dos detidos, entre estes, varios altos cargos opositores. "Os EUA únense á comunidade internacional para condenar fortemente a violenta e inxusta represión de cidadáns iranianos inocentes", afirmou.
Pola súa banda, a UE tamén censurou a violencia das forzas de seguridade do país a través dun comunicado da presidencia sueca da UE publicado este luns: "A presidencia condena o uso da violencia contra manifestantes que tratan fundamentalmente de exercer a súa liberdade de expresión e o seu dereito á reunión pacífica".
Tamén Rusia afirmou estar "preocupada", e pediu "moderación" nun comunicado difundido tamén este luns polo ministerio ruso de Exteriores. O departamento homólogo británico cualificou de "moi inquietante" a "falta de moderación", e desde Francia consideraron que "o agravamento da represión non leva a ningures".