"Eu díxenlle a Cuíña que pactase con Barreiro, que o amañasen entre eles, e se o fixesen Feijoo non estaría onde está”, afirma nunha entrevista.
Baltar está de retirada parcial. O 30 de xaneiro abandonará a presidencia do PP de Ourense, aínda que manterá a súa ascendencia un ano e medio máis como presidente da Deputación. Diferentes xornais recollen este mércores entrevistas que dan boas pistas sobre a situación interna. No entorno “baltarista” consideran que a dirección do PPdeG está a manobrar a prol de Jiménez Morán, candidato que se medirá contra Xosé Manuel Baltar no vindeiro congreso provincial. Baltar pai confirma isto de xeito moi medido nunha entrevista en Faro de Vigo: “Eu creo que o presidente Núñez Feijoo debería saír a dicir algo disto (da sintonía da que presume Jiménez Morán con el). Quizais non tivo tempo de ler o que dixo Jiménez ou que non llo pasasen, xa sabe vostede que hai que dar sempre unha marxe de tempo. Pero, persoalmente díxome que garantía a súa neutralidade, a súa propia e a do aparato do partido.
Na mesma entrevista, Baltar dá a súa particular visión do “galeguismo”. O líder conservador afirma que “para min o galeguismo é algo intrínseco aos galegos, todos os galegos somos galeguistas, o que non quere dicir nacionalistas. Porque ser galeguista é loitar pola terra, pola lingua, amar as cousas que son propias. E diso non podemos abdicar. E se non o facemos acabaremos mal”. Lanzando unha especie de mensaxe entre liñas, Baltar remata dicindo que dentro do PP pode ser “que se queira presumir de que non se é galeguista, quen sabe...E iso que me parecería grave”.
Na conversa non falta unha alusión ao motín que no seu día protagonizou para apoiar a Cuíña fronte a Núñez Feijoo: “Pepe Cuíña díxome a súa estratexia e falamos moito. Eu díxenlle que todo dependería da provincia de Ourense, porque non era lóxico que só o apoiase Ourense. Sería como tirarse ao río para salvar a alguén que se está afogando e ao final afóganse os dous. Eu díxenlle a Cuíña que pactase con Barreiro, que un fose de número un e outro de dous, que o amañasen entre eles, e se o fixesen así a estas horas Núñez Feijoo non estaría onde está”.
Poden ler aquí as entrevistas que aparecen publicadas este mércores:
Faro de Vigo: “Se Cuíña e Barreiro pactasen, Núñez Feijoo non estaría onde está”
El País: “Non fai falta dicirlles aos alcaldes que apoien ao meu fillo como sucesor”